Chamamento á "reconquista de Toralla" na gran festa viguesa

Acción ecoloxista e veciñal pola "reconquista" de Toralla, este 28 de marzo na viguesa Porta do Sol © Ecoloxistas en Acción
Publicidade
Publicidade

Entidades ecoloxistas e veciñais mobilízanse na viguesa Porta do Sol para "concienciar" sobre a "relevancia de recuperar" o acceso ao dominio público no litoral da illa

A "reconquista" da Illa de Toralla para o seu libre acceso para a poboación xeral é unha loita histórica para diversos movementos ecoloxistas e veciñais de Vigo e da súa contorna. A illa é privada dende hai douscentos anos, pero dende 2008 hai un proxecto concreto para construír unha senda litoral abeirada na Lei de Costas que garanta o acceso ao dominio público marítimo-terrestre que non chega a concretarse.

Que o xa aprobado se cumpra é a principal reivindicación destes colectivos, que este 28 de marzo, festivo en Vigo aproveitaron un dos días grandes da festa da Reconquista para facerse ver e escoitar en pleno centro da cdade, na Porta do Sol. Fixérono colocando unha pancarta de grandes dimensións co lema Únete a reconquista de Toralla.

Mobilización pola "reconquista" de Toralla, este 28 de marzo CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Ecoloxistas en Acción

Con esta acción a Asociación Veciñal de Coruxo, a Asociación Veciñal de San Miguel de Oia, a Plataforma pola Defensa da ría Vigo-Cíes, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace pretenderon seguir a "concienciar a cidadanía de Vigo" da "relevancia de recuperar" ese espazo público. Porque en Toralla, subliñan, segue sen cumprirse a "servidume de paso" e tampouco "a servidume de acceso ao mar que se establece en varios puntos ao longo da costa para garantir o acceso público e de balde ao mar".

Publicidade
Publicidade

"Estamos ante un longo problema de incumprimento legal en relación a dominio público marítimo-terrestre ao que debe poñerse fin. É un espazo público pero que na práctica utilízase como reserva privada de forma ilegal"

Lembran estas entidades que, coa lei na man, "calquera persoa pode chegar ata a ribeira do mar a pé". No entanto, as visitas a Toralla só poden "acceder aos areais situados a ambos os dous lados da ponte", cando no dominio público debe existir libre paso á cidadanía", ademais de para "vehículos de vixilancia e salvamento".

Coidan as persoas mobilizadas que é "unha boa noticia" que no Ministerio para a Transición Ecolóxica "estea en estudo realizar unha actuación para recuperar o acceso o litoral da illa". Non obstante, cren preciso lembrar o proxecto de 2008, cando a ministra con competencias na materia era Elena Espinosa, actualmente concelleira en Vigo e deputada do PSdeG no Parlamento e "tentou infrutuosamente realizar a senda peonil".

Vista da illa de Toralla desde Coruxo CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Neste sentido, as entidades ecoloxistas e veciñais reclaman que o alcalde vigués, Abel Caballero, "se posicione claramente a prol da recuperación da illa de Toralla para o pobo de Vigo". "Estamos ante un longo problema de incumprimento legal en relación a dominio público marítimo-terrestre ao que debe poñerse fin. É un espazo público pero que na práctica utilízase como reserva privada de forma ilegal", conclúen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.