Colectivo a prol da mina de Corcoesto denuncia ante a Xunta os seus detractores

Pintada nun sinal de tráfico contra a mina de Corcoesto © Corcoesto Si

Denuncia na Xunta contra os colectivos contrarios á polémica mina de Corcoesto. A asociación veciñal Corcoesto si, mina si -creada hai tan só unhas semanas- vén de presentar un escrito na Consellería de Educación "para mostrar a súa desconformidade coas charlas levadas a cabo en diferentes colexios e institutos da Costa da Morte" en contra do proxecto, segundo anuncia nun comunicado. Esta agrupación considera que "os colexios non son lugares para realizar este tipo de faladoiros contra un proxecto" que, segundo defenden, "beneficiará toda a comarca", ademais de denunciar "o uso de lemas antimina nas aulas".

A agrupación favorable á mina denuncia ante a Xunta charlas nos colexios contra o proxecto

"A asociación quere tamén expresar a súa decepción ante o interese mostrado por partidos políticos como BNG e AGE en contra do proxecto mineiro para conseguir o voto fácil sen ter en conta as necesidades do pobo que sofre cada día a incerteza do seu sustento", engade o comunicado, que non aforra críticas contra todos aqueles que amosan o seu rexeitamento ao proxecto.

Así, Corcoesto si, mina si tamén "fai patente" a súa "desconformidade ante as pintadas que apareceron en diversos sinais de tráfico da comarca por parte da plataforma Cont(r)aminate. "Queremos lembrarlles que os sinais de tráfico son de uso público e pagados por todos os contribuíntes que non teñen por que volver pagar a limpeza ou a reposición das mesmas", denuncian. "Hai moitas maneiras de manifestarse e manifestar unha opinión sen necesidade de prexudicar o mobiliario urbano a comarca", ademais de incluír unha fotografía dun dos carteis "manipulados".

Ademais, este colectivo di respectar "todas as opinións aínda que sexan contrarias ao proxecto mineiro pero desde a coherencia" e considera que "non ten sentido fomentar unha mobilización política de vehículos para reivindicar o dereito ao aire puro".

Pintada nun sinal de tráfico contra a mina de Corcoesto © Corcoesto Si

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.