Colectivos sociais rexeitan a liña de alta tensión Coristanco-Mesón do Vento, que duplicaría unha xa existente

Torre de Alta Tensión CC-BY-SA Cesar

Hai unhas semanas fíxose público o proxecto de construción dunha liña de alta tensión entre Mesón do Vento e Campelo (Coristanco), que atravesaría os concellos de Carballo, Carral, Cerceda, Coristanco, Ordes e Tordoia ao longo de 40 quilómetros. O obxectivo desta infraestrutura, promovida por Greenalia Power, é levar á estación eléctrica das Travesas a enerxía producida polos parques eólicos de Campelo, Bustelo e Monte Toural.

A liña atravesaría os concellos de Carballo, Carral, Cerceda, Coristanco, Ordes e Tordoia ao longo de 40 quilómetros

O proxecto espertou xa as críticas na Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes, que vén de presentar alegacións e que fai un chamamento a que a veciñanza das comarcas afectadas faga o mesmo. O prazo remata o 18 de xuño e, no caso de ser propietario de terreos ocupados, en dez días hábiles a contar desde o día que se recibira a notificación no domicilio. A entidade pon a disposición das persoas interesadas un modelo de alegacións elaborado polo seu equipo técnico.

As plataformas denuncian que "a liña está totalmente sobredimensionada, pois contempla unha capacidade moi superior á necesaria para evacuar a enerxía eólica dos tres parques que teoricamente a xustifican" e, ademais, chaman a atención sobre o feito de que a megainfraestrutura "transcorrería practicamente paralela á xa existente LAT 220KV Vimianzo-Mesón do Vento". Lembran que a normativa de liñas aéreas de alta tensión obrigaría ao desdobramento da LAT xa existente en lugar de construír esta nova, evitando así a creación de novos impactos negativos.

A megainfraestrutura "transcorrería practicamente paralela á xa existente LAT 220KV Vimianzo-Mesón do Vento", polo que a normativa obrigaría ao seu desdobramento para reducir o seu impacto

"O desdobramento sería moito máis barato e optimizaría as condicións do transporte", subliñan. Ademais, aproveitando a actual liña, a enerxía "podería evacuarse na proxectada subestación de Vimianzo, que está moitísimo máis preto que a do Mesón do Vento, o que redundaría na diminución dos impactos ambientais e na redución de perdas de enerxía no transporte". "A alternativa escollida non é a que ten maior viabilidade económica nin medioambiental, de tal xeito que non se minimiza o impacto do medio circundante resultando de todo elo que o proxecto tampouco é o máis axeitado dende o punto de vista técnico", engaden.

A rede critica igualmente "a total opacidade do proxecto", sinalando "que ningún organismo público nin privado se puxo en contacto coas persoas afectadas para informar, consultar ou valorar a conveniencia de semellante infraestrutura". 

A rede de plataformas medioambientais denuncia que a nova liña de alta tensión iría en paralelo coa xa existente entre Vimianzo e Mesón do Vento © REE

A rede reclama "responsabilidade" ás distintas administracións "para non empeorar aínda máis unha zona que xa está totalmente saturada de liñas eléctricas, como é o Mesón do Vento" e conclúe que "a nova liña proxectada afectaría a 6 concellos que non van ver mellorada a súa propia rede eléctrica, pero que verán afectada a súa paisaxe e medio". 

"A nova liña proxectada afectaría a 6 concellos que non van ver mellorada a súa propia rede eléctrica, pero que verán afectada a súa paisaxe e medio"

Neste senso, nas alegacións sinala que a nova liña de alta tensión "non é compatible cos sistemas produtivos do rural, nin coa urbanización nin coa ordenación turística pola súa afección negativa sobre os recursos naturais locais e especialmente, sobre a paisaxe". En concreto, o documento cita as afeccións sobre o LIC Lagoa de Alcaián e o Marco do Couto.

Engade que "non contribúe a fixación dos núcleos de poboación, mesmo afecta negativamente a esta fixación ao empeorar as condicións medioambientais e de aproveitamento dos terreos, freando o desenvolvemento socioeconómico dos terreos afectados". E conclúe que a infraestrutura sería "contraria á protección de áreas territoriais con gran potencial agrícola e forestal" e afectaría "a terreos clasificados como prioritarios pola PAC e a fincas resultantes de procesos de concentración parcelaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.