21 organizacións ecoloxistas e naturalistas galegas veñen de lanzar a campaña Stop eucalipto, avante carballo! para denunciar "a preocupante extensión das plantacións de eucaliptos" en Galicia e "a necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos". A campaña, acompañada dun manifesto que inclúe unha serie de medidas concretas para limitar o cultivo desta especie e preservar os bosques autóctonos, presentouse este venres en Pontevedra, unha escolla que busca responder á prórroga de 70 anos outorgada polo Goberno central a ENCE. "Non é só unha mala noticia para a ría de Pontevedra, senón que ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto", destacan os asinantes do manifesto.
As entidades salientan que mentres que no primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 hectáreas. Para o segundo (IFN III), realizado en Galicia nos anos 1997 e 1998, o eucalipto estendérase xa por 396.344 hectáreas, o 28% da superficie arborada galega. Segundo ADEGA, en vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galicia podería achegarse ás 500.000 hectáreas. Ademais, parte desta área é ocupada por eucaliptos fóra de plantación, que medran moitas veces despois de incendios como acontece con outras especies pirófilas.
As plantacións de eucaliptos en Galicia supoñen máis da metade (52%) das existentes en España. Ademais, nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veu engadirse ás plantacións, chegando a espazos antes vetados para o Eucalyptus globulus, dada a súa maior resistencia ao frío.
Os colectivos asinantes (entre eles ADEGA, Amigos da Terra, APDR, Colectivo Ecoloxista do Salnés, FEG, Grupo Naturalista Hábitat e Verdegaia) explican que "o aumento imparábel do eucalipto relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego, caldo de cultivo para o negocio pasteiro" e que "a falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas". Isto acontece, ademais, "perante a pasividade, cando non complicidade da Xunta, permisiva co incumprimento das normas" e que coa reforma do Plano Forestal de 1993 "pretende fortalecer as plantacións de E. globulus, consolidar o E. nitens, promover a biomasa e estender os cultivos enerxéticos".
O manifesto péchase coa demanda de cinco accións concretas:
- O cumprimento da actual lexislación (Lei de Montes, Lei de Costas, Lei de Conservación da Natureza, etc.) que aínda limita a plantación de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos, costas, hábitats de interese…
- A prohibición de novas plantacións e a repoboacións con eucalipto nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos.
- A eliminación de eucaliptos ventureiros ou asilvestrados fóra de plantación, en virtude da Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade
- A consideración do Eucalyptus nitens como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude da recente sentenza Audiencia Nacional, prohibindo o seu cultivo en toda Galicia e iniciando un plan de erradicación.
- A urxente aprobación de medidas para protexer os bosques autóctonos a través de axudas directas, a promoción de alternativas ao eucalipto e o impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentables.