Concentración en Compostela polo mozo deportado Danny Vera: "Son as nosas veciñas e veciños"

Cartel do acto © Foro Galego de Inmigración

O pasado mes de novembro Daniel Vera Martínez (Danny), un mozo compostelán de 19 anos que chegara aos 5 dende Paraguai, foi expulsado de España. Fora detido por residencia ilegal, ao non posuír a nacionalidade española, chegar á maioría de idade e atoparse sen traballo. E todo a pesar de que Danny levaba 14 anos vivindo en Galicia, onde segue a residir a súa familia máis próxima (a súa nai e un irmán pequeno, nacido xa aquí), e de que o rapaz apenas contaba en Paraguai con familiares nin coñecidos. En abril a súa familia e o colectivo paraguaio Paraguay Resiste presentaron un recurso contra esta expulsión express, coa esperanza de que cando menos lles fose anulada a sanción pola que o rapaz ten prohibida a entrada no territorio español, de xeito que unha oferta de traballo lle permitiría regresar ao seu país. Porén, o recurso non foi aceptado.

Este xoves o Foro Galego de Inmigración convoca un recital poético-musical en Compostela para esixirlle ao Goberno central que permita o regreso do mozo. Será ás 20 horas na Praza Rodrigo de Padrón e no acto participará a nai do rapaz. "En Galicia dúas persoas son detidas cada día por non ter a documentación en regra. Unha parte delas, como lle pasou a Danny, son deportadas de xeito sumario", denuncia o Foro, que salienta que "estes homes e mulleres que son decote expulsados son as nosas veciñas e veciños". "Con actos coma este queremos darlle nome ás persoas que sofren as consecuencias das súas políticas do medo e da arbitrariedade", engaden.

"Máis de 7 de cada 10 persoas son deportadas desde as comisarías, de forma exprés, sen que poidan despedirse da súa xente, avisar a unha organización de defensa dos dereitos humanos ou iniciar algún tipo de procedemento legal para paralizar a expulsión"

O caso de Danny é especialmente rechamante. Chegou ao territorio español no ano 2002, con cinco anos de idade en compañía da súa nai. Dende 2003 residiron en Compostela, onde Danny estaba empadroado, vivindo na Rúa de Teo, nos Basquiños e en Rodríguez de Viguri. O Foro Galego de Inmigración explica que "a adolescencia de Danny, como a de tantos outros mozos e mozas de familias en situación de exclusión, foi complicada. No ano 2012 pasou a situación de garda por parte da Xunta de Galicia no Centro de Menores en Rábade". "Cando en 2015 volveu residir coa súa nai, non puido xestionar a súa autorización de residencia pola falta de ingresos suficientes da súa nai e por non dispor dun contrato de traballo, como tantos mozos e mozas que compoñen o 60 por cento de poboación xuvenil en desemprego", engade a entidade. 

O Foro salienta que "cada ano o Estado Español deporta arredor de 10.500 persoas, expulsadas e expulsados con independencia da situación familiar, afectiva ou social, do arraigadas que estean aquí. Máis de 7 de cada 10 persoas son deportadas, como Danny, desde as comisarías, de forma exprés, sen que poidan despedirse da súa xente, avisar a unha organización de defensa dos dereitos humanos ou iniciar algún tipo de procedemento legal para paralizar a expulsión".

"Alegar que o feito de non ter un domicilio fixo é un motivo para xustificar o non arraigamento do rapaz supón considerar que as persoas en situación de pobreza sen domicilio fixo son susceptibles de menos dereitos"

"Alegar que o feito de non ter un domicilio fixo é un motivo para xustificar o non arraigamento do rapaz supón considerar que as persoas en situación de pobreza e exclusión social sen domicilio fixo son susceptibles de menos dereitos que o resto de cidadáns e cidadás", destaca o Foro. A entidade fai un chamento á sociedade compostelá a solidarizarse con esta familia que leva 14 anos vivindo na cidade: "Non ollemos cara a outro lado, isto sucede e sucede aquí tamén". "Fronte aos seus muros e concertinas, fronte as súas redadas, construamos unha malla de solidariedade con elas. Paremos este vergoñento tráfico legalizado de seres humanos", di.

 

Cartel do acto © Foro Galego de Inmigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.