Execucións sumarias, desaparicións forzadas, torturas, detencións arbitrarias, exilio, traballo forzoso, secuestro masivo de nenos. Un plan sistemático e xeneralizado de extermino de disidentes políticos. Poderiamos estar a falar das ditaduras militares de Arxentina, Chile, Brasil ou Alemaña, por exemplo. Pero non, falamos do pasado recente de España. Falamos dos 150.000 casos de desaparicións forzadas, incluídos 30.000 nenos, ocorridos en España durante a Guerra Civil e posterior represión franquista entre 1936 e 1975. Falamos de crimes de lesa humanidade que hoxe, corenta anos despois da fin da ditadura, seguen sen ser investigados.
Falamos dos 150.000 casos de desaparicións forzadas, incluídos 30.000 nenos, ocorridos en España durante a Guerra Civil e posterior represión franquista entre 1936 e 1975
Isto é o que denuncia a organización pro dereitos humanos Amnistía Internacional no seu último informe O tempo pasa, a impunidade permanece, no que describe a falta de vontade das autoridades xudiciais españolas de cumprir coa súa obriga internacional de investigar estes crimes abocando ao desamparo xudicial por centos de milleiros de vítimas e á negación absoluta dos seus dereitos fundamentais recoñecidos por todos os órganos de dereitos humanos como o dereito á verdade, a xustiza e a reparación.
O informe debuxa un escenario xudicial pouco esperanzador para as vítimas do franquismo: unha tendencia continuada ao arquivo das causas por parte dos xuíces españois seguindo as teses do Tribunal Supremo, en cuxa sentencia do 27 de febreiro de 2012 ( proceso no que o xuíz Baltasar Garzón foi tamén acusado dun presunto delito de prevaricación por declararse competente para investigar), a máis alta instancia xudicial española pechaba a porta á investigación dos crimes da Guerra Civil e o franquismo acolléndose -de forma errónea por ser argumentos contrarios ao dereito internacional, apunta AI- á existencia dunha Lei de Amnistía, a prescrición do delito, a ausencia de tipificación dos crimes de dereito internacional cando ocorreron os feitos, o presunto falecemento dos autores e a existencia dunha Lei de Memoria Histórica. O Tribunal Supremo engadiu á súa sentenza que "o dereito a coñecer a verdade histórica non forma parte do proceso penal".
Ao desamparo xudicial no noso país, Amnistía Internacional suma a continua falta de cooperación e presións exercidas por parte das autoridades españolas sobre a xuíza arxentina María Servini
Ao desamparo xudicial no noso país, Amnistía Internacional suma a continua falta de cooperación e presións exercidas por parte das autoridades españolas sobre a xuíza arxentina María Servini, quen, valéndose do principio de xustiza universal, aceptaba a trámite da querela “por xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos en España entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977”, interposta en Buenos Aires por vítimas españolas o 14 de abril de 2010. Trabas que mesmo levaron á suspensión das declaracións testemuñais a través de videoconferencias na Embaixada arxentina de España. Tampouco as portas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos se abriron á causa, inadmitindo este tribunal todas e cada unha das demandas presentadas contra España en relación á Guerra Civil e o franquismo, argumentando, na maioría dos casos, a neglixencia dos demandantes por interposición tardía, ignorando así o periplo xudicial ao que España somete as vítimas antes de acudir a Estrasburgo.
Ante este escenario de indefensión e de peregrinaxe xudicial das vítimas do franquismo, algunhas organizacións como a Asociación Española para o Dereito Internacional (AEDIDH), e a Plataforma pola Comisión da Verdade, integrada por máis de cincuenta asociacións para a recuperación da memoria, vítimas e familiares, puxeron en marcha unha campaña internacional dirixida ás Nacións Unidas e as institucións europeas para denunciar a situación de desprotección na que se achan e para esixirlle ao Estado español a creación dunha Comisión da Verdade que garanta o dereito das vítimas á verdade, a xustiza e a reparación, cumprindo así coas súas obrigas internacionais en materia de dereitos humanos.
Trátase en definitiva, tal como o definen as Nacións Unidas, dun “órgano oficial, temporal e de constatación de feitos sen carácter xudicial e que se ocupa de investigar abusos dos dereitos humanos que se cometeron ao longo de varios anos"
Trátase en definitiva, tal como o definen as Nacións Unidas, dun “órgano oficial, temporal e de constatación de feitos sen carácter xudicial e que se ocupa de investigar abusos dos dereitos humanos que se cometeron ao longo de varios anos”, un instrumento ao servizo xa de 40 países que proporcionou unha descrición completa dos crimes cometidos no pasado, contribuíndo á súa investigación e posterior enxuízamento, e garantindo o dereito das vítimas a coñecer a verdade.
O Comité de Dereitos Humanos da ONU sobre a aplicación do Pacto sobre Dereitos civís e políticos xa recomendou a España en 2008 a creación dunha "comisión de expertos independentes" encargada de restablecer a verdade histórica sobre as violacións de dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e a ditadura, ademais de lembrarlle a España a imprescriptibilidade dos crimes de lesa humanidade e a consecuente invalidez de Lei de Amnistía de 1977, así como o dereito das familias a identificar e exhumar os corpos das vítimas, e, no seu caso, a ser indemnizadas. Neste sentido pronunciouse tamén o Grupo de Traballo sobre as Desaparicións Forzadas de NNUU, que lle lembrou a España en 2009 o carácter permanente do delito de desaparición forzada e a obriga de ser investigado ata que o paradoiro da vítima non se aclarase, sen que unha lei de amnistía supoña o fin do deber do Estado de investigar, procesar e castigar os responsables. Recomendacións todas elas ignoradas, denuncian Amnistía Internacional, AEDIDH e a Plataforma pola Comisión da Verdade.
En consecuencia, indican estas organizacións, pesa sobre España a obriga internacional de investigar os crimes de lesa humanidade producidos durante a Guerra Civil e a posterior represión franquista
En consecuencia, indican estas organizacións, pesa sobre España a obriga internacional de investigar os crimes de lesa humanidade producidos durante a Guerra Civil e a posterior represión franquista, de respectar a imprescriptibilidade destes crimes, e ofrecerlles ás vítimas o coñecemento pleno e completo dos actos que se produciron, dotando de recursos para iso e en caso de falecemento dunha persoa desaparecida, investigar o seu paradoiro, identificar e exhumar os seus restos.