Crece o debate sobre as touradas en Pontevedra

Manifestación contra as touradas, o pasado ano en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

O debate está nas rúas. Coma se nalgún momento deste verán rachara algunha caste de teito de cristal, a discusión sobre a continuidade das touradas en Pontevedra está máis viva do que estivo nunca, deixando de ser tan só unha reivindicación dun pequeno grupo de activistas, para se converter nun asunto de conflito municipal, con ampla presenza nos medios de comunicación locais e nas forzas políticas da cidade. Xa advertía a plataforma Touradas fóra de Pontevedra que comezaba a xerarse na cidade un verdadeiro "debate social sobre as touradas" e o éxito da manifestación convocada o pasado 9 de agosto fixo o resto.

O debate obrigou aos partidos políticos da cidade a posicionarse publicamente sobre distintos temas, dende a propia organización das touradas, até a conveniencia de que o Concello subvencione indirectamente aos seus organizadores a través dun convenio para a utilización da praza de touros (un recinto privado) para outros usos. O propio debate está permitindo coñecer, ademais, a cantidade exacta de cartos públicos que recibe a praza de touros e a feira taurina. Hai uns días o Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas contra a Deputación Provincial de Pontevedra por non facer pública a relación de subsidios que a institución otorga a "grupúsculos taurinos" e á propia organización dos festexos durante o mes de agosto.

Hai uns días a Fundación Franz Weber e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas comunicáronlle por carta ao goberno municipal de Pontevedra a súa intención de iniciar unha campaña informativa para que o Concello renuncie "de forma efectiva" ao convenio que ten coa empresa propietaria da praza de touros. Unha campaña que tamén se está realizando a través da rede e que xa suma máis de cinco mil sinaturas. PP e PSOE manifestaron o seu apoio ao mantemento do convenio, considerando "positivo" que exista un acordo entre o Concello e a empresa "para tratar de expremer as súas posibilidades de uso". E tamén o BNG xustificou o mantemento do convenio para poder acoller, por exemplo, as actividades da Feira Franca.

Dende Galicia, mellor sen touradas denúnciase que este convenio, que lle achega 47.500 euros anuais de cartos públicos aos propietarios da praza de touros, é "innecesario"

Pola contra, dende Galicia, mellor sen touradas denúnciase que este convenio, que lle achega 47.500 euros anuais de cartos públicos aos propietarios da praza de touros, é "innecesario". O colectivo sinalou que "o goberno municipal (BNG+PSOE) non necesita asinar acordos cos empresarios taurinos nin debe vender a idea de que non se subvenciona a tauromaquia mentras mantén estas axudas dende hai 14 anos". O convenio municipal permítelle ao Concello a utilización do recinto todos os días que desexe, agás as catro xornadas ao ano nas que acolle touradas. Hai uns meses Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fondation Franz Weber realizaron unha proposta de reconversión das instalacións, para convertelas nun espazo para eventos musicais, culturais, empresariais e deportivos de audiencia ampla.

Dende o BNG sinalouse que o Goberno municipal "non ten competencias" para prohibir a organización de touradas e destacouse que "os pronunciamentos nosos sempre foron clarísimos. Nunca asistimos ás touradas e non figuran no programa de festas". Neste senso, tanto Touradas fóra de Pontevedra coma Galicia, Mellor Sen Touradas anunciaron a súa intención de remitirlles ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e á concelleira de Festas, Carmen da Silva unha carta para convidalos a sumarse á campaña para declarar Pontevedra vila libre de touradas, xusto no momento en que van facer dez anos dende que Barcelona adoptara esta medida.

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto
Manifestación contra as touradas, o pasado ano en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto
Touradas en Pontevedra © Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.