Cristiáns de base e pensionistas piden non votar o PP nas eleccións europeas

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Movementos asociativos, plataformas de afectados, grupos solidarios... Son moitas os colectivos que levan tempo opoñéndose ás duras políticas económicas e sociais impostas polo Partido Popular tanto desde o Goberno de España como desde a Xunta de Galicia. Pero hai quen decidiu ir un paso máis aló ao reclamar con claridade e publicamente que a cidadanía non vote os partidos que apoian estas políticas. Piden, xa que logo, non votar o PP  nos vindeiros comicios europeos e, nalgúns casos, presionan con estas ameazas para lograr que as administracións escoiten e dean resposta ás súas reivindicacións. Cristiáns de base, xubilados e emigrantes retornados e afectados polas preferentes son os últimos que alzaron a voz para a súa proclama electoral. Xente do común que está farta.

Cristiáns de base piden que se participe nas eleccións pero que non se vote os partidos que apoian as políticas "que son causa do sufrimento de millóns de persoas"

O último posicionamento público neste ámbito chegou desde o cristianismo de base galego. A Coordinadora de Crentes Galegos, integrado por colectivos como Encrucillada, Mulleres Cristiás Galegas, Irimia ou Somos Igrexa, emitiu un comunicado tras a súa última asemblea anual celebrada en Compostela a finais do pasado mes de abril. Nel, o colectivo integrado nas Redes Cristiás estatais asegura que vén de "renovar" os seus compromisos para "colaborar na transformación da sociedade nesta hora de rebeldías tan necesarias".

Así, denuncian que a actual situación de crise económica "foi provocada polo sector financeiro do capitalismo e agrandada e estendida pola aplicación de políticas restritivas e de control do gasto público por parte da UE, que son a causa do sufrimento de millóns de persoas e familias empobrecidas por estas decisións". Deste xeito, e "ante as próximas eleccións europeas", os Crentes Galegos piden á cidadanía "que participe" nos comicios para o Europarlamento "pero que non vote a ningún dos partidos que teñen apoiado este tipo de políticas".

Ademais, a Coordinadora exixe "a implantación canto antes dunha Renda Básica Universal que permita a vida digna de todas as persoas" e "de cara a un reparto xusto da riqueza que entre todos e todas producimos".

Son cristiáns de base, pero non son os únicos que fan un chamamento público de cara aos comicios. Os emigrantes retornados afectados pola campaña de multas e sancións de Facenda xa advertiron nas súas últimas manifestacións que estaban a promover o "castigo" ao PP a través da retirada do voto daqueles que lle confiaban o seu apoio, así como da campaña entre os seus coñecidos para que non elixan a papeleta popular o vindeiro 25 de maio.

Emigrantes retornadas advirten de que "castigarán" o PP nas futuras eleccións por non atender as súas demandas e advírtenllo por carta

Así, a plataforma de emigrantes retornados de Vigo e do Baixo Miño presentou a pasada semana un escrito na delegación territorial da Xunta na que advirten do seu "castigo" nas urnas aos partidos que non apoien as súas reivindicacións. Os afectados alertan de que non só eles, senón os seus familiares e coñecidos, retiraranslle o voto ao PP e ás formacións que non apoien as súas demandas, tanto nos comicios europeos como nos locais ou nos xerais. As súas reivindicacións: que se revoguen os expedientes, que se anulen as sancións e que se cmabie a normativa tributaria para que as pensións no estranxeiro se consideren como procedentes un único pagador. Pero as administracións non cumpren, as sancións continúan e os populares poden seguir perdendo votos.

A mesma medida decidiron tomar tamén os afectados polas preferentes, que levan meses de mobilizacións advertindo da retirada de apoio por parte de centos de persoas ao PP. Tamén, neste caso, a inmensa maioría dos implicados son xubilados e pensionistas, precisamente o caladoiro de votos máis habitual da dereita en Galicia.

Emigrantes retornados ante a delegación de Facenda Dominio Público @15Mmontealto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.