Denuncian a "teima" do Concello da Coruña en manter viva a feira taurina

Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST

Este xoves ao mediodía remataba o prazo para que as empresas interesadas presentasen as súas ofertas para organizar a feira taurina da Coruña. A pesar de que nun inicio se comentou que -ao igual que no verán- o concurso ía quedar deserto ante a ausencia de ofertas (mesmo chegou a ser publicado por algún medio de comunicación), finalmente o Concello anunciou que fora presentada unha candidatura, o que foi confirmado este venres pola mañá polo alcalde Negreira.

O Goberno municipal negouse a facer pública a identidade da empresa que supostamente tería presentado esta oferta e a confirmar se esta cumpre coas condicións do concurso licitado en agosto

Porén, o Goberno municipal negouse a facer pública a identidade da empresa que supostamente tería presentado esta oferta e a confirmar se esta cumpre coas condicións do concurso licitado en agosto. Colectivos antitaurinos, coma Galicia mellor sen touradas, esixen que o Concello revele esta información, e acusan o Goberno municipal de "fabricar" a oferta para evitar a desaparición da cidade, este ano, deste espectáculo de tortura animal. De igual xeito, o Bloque Nacionalista Galego denuncia "a insistencia" de Negreira e do seu Goberno "por sacar adiante a feira". Para o BNG, a teima do Goberno Local vai contra o nulo interese que mostra o pobo coruñés a este tipo de eventos".

En medios taurinos esténdese o rumor de que a única oferta presentada é a de Tauro Siglo XXI, empresa dirixida polo empresario Tomás Entero, que xestiona, entre outras, a praza de touros de Puerto de Santa María.

O Concello da Coruña, despois de fracasar no seu intento de que se celebrase a feira taurina durante o mes de agosto, licitou de novo o concurso para a organización das touradas o 12 de outubro, coincidindo coas festas do Rosario. Nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o canon que a empresa beneficiaria debería aboar en concepto de canon polo uso do Coliseo. Ademais da corrida de outubro, a empresa adxudicataria podería organizar a feira taurina durante os dous vindeiros anos, nos meses de xullo e agosto, nun contrato que mesmo se podería prorrogar outros dous anos.

Nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o canon que a empresa beneficiaria debería aboar en concepto de canon polo uso do Coliseo

Celébrese a feira ou non, Galicia mellor sen touradas convocará unha manifestación antitaurina nas datas previstas para a organización do espectáculo. O acto servirá, ben para celebrar a desparición das touradas da cidade, ou ben para criticar a crueldade deste evento, os prexuízos que provocan para a imaxe da cidade e "insistencia" do Goberno municipal en manter viva esta práctica. Así mesmo, Mocidade pola Abolición, colectivo integrado polos mozos e mozas abolicionistas e adscrito á plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, vén de apelar á "desobediencia cívica contra a pervivencia das touradas co modelo de subvencións que promove o Concello da Coruña", e que nun novo contrato outorgará case 100.000 euros anuais, ata un máximo de 400.000 euros se se cumple a totalidade da licitación.

Celébrese a feira ou non, Galicia mellor sen touradas convocará unha manifestación antitaurina nas datas previstas para a organización do espectáculo

O Concello, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira este ano (na primeira licitación, que quedou deserta) as dimensións da feira, que se celebraría unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, prometeu seguir subvencionando parcialmente a súa celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseo, o custe da montaxe da praza de touros, e tamén cedende de balde as actuacións da banda de música municipal. En total, esta subvención pública indirecta suma 95 mil euros, unha cantidade case tan alta coma os 104 mil euros recadados o pasado ano por Eventauro a través da venda de entradas.

Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.