Nas vindeiras semanas está previsto o inicio dos traballos de derrube do edificio da Casa da Xuventude, situado na praza do Matadoiro, en Compostela. Foi deseñado a comezos dos anos oitenta como edificio de usos múltiples (conta mesmo cun pequeno auditorio), aínda cumpriu, sobre todo, funcións administrativas. Dende o inicio foi moi criticado dende o punto de vista estético e tamén se sinalou a súa mellorable integración co entorno e o feito de estar mal aproveitado nos seus usos.
O principal obxectivo da súa supresión, que custará 165.076 euros, é abrir unha vía de acceso directa ao Parque de Belvís dende o casco histórico
O seu derrube suscitou un case inédito consenso no pleno municipal, votando a favor da actuación os grupos de PP, PSOE e BNG. O principal obxectivo da súa supresión, que custará 165.076 euros, é abrir unha vía de acceso directa ao Parque de Belvís dende o casco histórico, recuperando ademais un antigo regato. As actuais oficinas da Casa da Xuventude serán trasladadas a outras instalacións propiedade da Xunta, situadas na rúa Ramón Piñeiro, xunto ao Parlamento.
O actual goberno municipal compostelán quere completar un proxecto herdado da corporación liderada por Ángel Currás, que xustificou o derrube por ser un edificio "horrendo e sen valor arquitectónico ningún". O socialista Sánchez Bugallo destacou, pola súa banda, que o edificio nunca cumpriu ao cento por cento as finalidades previstas e que cando se construíu, o parque de Belvís "non existía nin como proxecto" e polo tanto "non había necesidade de facer unha saída ao parque, daquela un cento de fincas de propietarios diferentes incomunicadas entre si". O mesmo defendeu o BNG, que mesmo levou a proposta de derrube da Casa da Xuventude no seu programa electoral en 2011, recollendo unha das propostas do congreso A Cidade Intuída, organizado pola Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica. unha das áreas de Goberno do BNG na lexislatura anterior. Os nacionalistas destacaban o obxectivo de conectar o Parque de Belvís coa Porta do Camiño, "permitindo novas e necesarias relacións, no espazo público existente".
Porén, non todo o mundo está de acordo co derrube do edificio. Vén de constituírse a plataforma cidadá Defender o publico - a Casa da Xuventude é nosa, que entre outras accións lanzou unha petición online dirixida ao alcalde da cidade, Agustín Hernández, solicitando a paralización do proxecto. Argumentan, en primeiro lugar, que "gastar 165.000 euros de diñeiro público en demoler un edificio público en plenas condicións de uso, nos tempos que corren, non é prioritario". Ademais, sinalan que a Cidade Vella carece dun equipamento sociocultural público destas características, "con tal equipamento, de tales dimensións e con tanto potencial dada a súa estratéxica ubicación, que podería convertirse nun importante elemento dinamizador social e cultural da zona".
Así mesmo, afirman que a apertura do parque de Belvís ao casco histórico "xa está prevista na normativa municipal, a través da parcela situada na outra beira do rego do Cancelón, sen necesidade de derrube ningún. É executala, e listo", un acceso "cómodo, amplo, natural e sen necesidade de intervención máis que abrir portas". De igual xeito, sinalan que "a suposta fealdade (subxectiva) do edificio é fácilmente subsanable (habendo vontade). Bastaría cunha intervención de acondicionamento do mesmo, intervención, por outra parte, xa reflexada na normativa municipal". "As cousas non se derruban porque sexan feas. A utilidade dos edificios públicos está por riba da estética. Ou alguén se fixa no feo que é un edificio que lle da servizos públicos?", conclúen.
A plataforma sinala que a apertura do parque de Belvís ao casco histórico "xa está prevista na normativa municipal, a través da parcela situada na outra beira do rego do Cancelón, sen necesidade de derrube ningún "
Finalmente, dende a plataforma temen que esta acción "poida agochar outros intereses privados". "Non nos fiamos dun partido político manifestamente corrupto, con 3 alcaldes no que vai de lexislatura, un alcalde condenado, outro imputado, e a práctica totalidade de concelleiros condenados e imputados en distintos casos de corrupción e prevaricación de fondos públicos", sinalan. Dende a plataforma animan a cidadanía a coñecer o edificio, aberto de luns a venres de oito da mañá a oito da tarde, e a aprovetar as súas instalacións (salón de actos, salas multiusos), de uso público previa solicitude. Así mesmo, destacan que os propios integrantes da plataforma se reúnen alí os xoves a partir das 19 horas.
A Asociación de Veciños A Xuntanza, do barrio de San Pedro, mantivo unha reunión o pasado xoves con Tereixa Gutierrez, concelleira de Urbanismo, tras a que cualificaron como "insolidario gastar hoxe cartos nunha obra que é máis estética que outra cousa". "A verdade é que preferimos obras de mellora da mobilidade dos maiores ou máis axudas ás persoas en dificultades económicas. O bonitismo pode agardar", engadiron, ao tempo que criticaron que "é evidente que non se avaliaron outras posibilidades para abrir o parque á cidade".
Debate no COAG
Dende a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, solicitáronlle en 2012 ao Concello "unha reflexión profunda sobre Belvís e a Casa da Xuventude antes da súa demolición". Nese coloquio, titulado Casa da Xuventude: de Belvís ao Matadoiro, o COAG alertou do "custo económico e enerxético da demolición, moi elevado para os momentos económicos que se atravesan". Algúns asistentes destacaron a necesidade de reflexionar sobre o valor do edificio, como peza da arquitectura da década dos 80, e explicar o edificio aos cidadán mediante visitas guiadas, xa que a maioría dos composteláns non coñecen os interiores da casa. “É prexudicial para o desenvolvemento do espazo público da cidade elixir o camiño das decisións simplistas. A riqueza da trama de Santiago baséase precisamente na súa complexidade”, defenderon.
O COAG solicitoulle en 2012 ao Concello "unha reflexión profunda sobre Belvís e a Casa da Xuventude antes da súa demolición"
A arquitecta Clara González, filla do autor do proxecto da Casa da Xuventude, Severino González, salientou "os valores espaciais do edificio e a súa capacidade para encaixarse nunha posición urbana complicada". Pola súa banda, outros arquitectos, coma Manuel Carbajo e Celso Barrios, defenderon a opción de demolición da Casa da Xuventude para acadar un espazo de entrada ao espazo verde de Belvís. “É un edificio degradado e posto aí polas circunstancias”, sinalaron e afondaron na necesidade de "impulsar a conexión do barrio coa cidade histórica a través do propio parque, para revitalizalo, mellorar a súa permeabilidade e accesibilidade". Máis recentemente, este mesmo ano, o COAG, dando por feito o derrube, pediu que a demolición "cumpra as esixencias do Plan Especial de Protección e de Rehabilitación da Cidade Histórica".
![](https://praza.gal/storage/xornal/uploads/fotos/foto/546b259be5b35-6282_320678131470252_1569769706571476928_n.jpg)