- IMAXES | Finaliza a restauración do Pórtico da Gloria, que permite aprecialo con todas as súas cores
Case 80.000 persoas acudiron a contemplar o Pórtico da Gloria dende que, o pasado 27 de xullo, a Catedral de Santiago abriu o período transitorio de visitas que finalizou o pasado día 18 para dar paso a novos traballos de restauración no templo. Foron, concretamente, 79.782 persoas en grupos de 25 e en quendas de 15 minutos. As enormes ringleiras que arrodearon a basílica compostelá deron boa mostra do interese que suscitou a recuperación da policromía na obra do Mestre Mateo e suscitaron expectación sobre o réxime definitivo de visitas cando a restauración estea rematada de vez. A Fundación Catedral e o Cabido veñen de desvelar a incógnita: para ver o Pórtico haberá que pagar, agás excepcións. Xustificárono na necesidade de conservalo e explicárono polo miúdo, pero non sen contrariedade.
O feito de que o conxunto das obras de restauración e protección da Catedral recibisen cuantiosos fondos públicos -a última achega, de 17 millóns de euros- deron lugar ao debate nas últimas semanas sobre a conveniencia de cobrar ou non entrada para contemplar o Pórtico. Así, visiblemente contrariados, tanto o deán da Catedral, Segundo Pérez, como o máximo responsable da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, advertiron ante os medios de que a recuperación do Pórtico non levara "nin un euro" público, toda vez que a financiou a Fundación Barrié, dependente do desaparecido Banco Pastor, a través dos seus programas de "mecenado". Cargaron ademais directamente contra o xornal Infolibre por evidenciar nunha información que os fondos dos traballos non procederan do Cabido, senón de fóra del.
Os responsables da Catedral advirten de que na restauración do Pórtico non se gastou "nin un euro" público porque a financiou a Fundación Barrié, se ben a Administración si investiu noutras áreas do templo
Controversias á marxe, a Catedral confirmou de vez que "unha vez concluídos os traballos de conservación no Pórtico e na instalación do elemento protector de peche temporal da súa contorna", para que non se deteriore polo resto de obras, "se iniciará unha segunda fase de visitas" nas que si haberá que pasar polo despacho de billetes. Tratarse de visitas guiadas de 45 minutos en galego, castelán ou inglés e "para facer fronte á conservación e mantemento do Pórtico" e mais á propia "organización e funcionamento do programa de visitas", resaltan dende a Catedral, vanse xerar "recursos propios por parte da Fundación" a través do cobro de entradas. Isto non implica que se "altere o concepto de Catedral aberta da basílica, que seguirá sendo de acceso libre", din.
O deán, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, en rolda de prensa / Fundación Catedral de Santiago
As visitas gratuítas, previa retirada de convite, serán para "un grupo de peregrinos de luns a domingo" e para "dous grupos de composteláns, todos os domingos á tarde"
Deste xeito, a entrada xeral para participar nestas visitas será de 10 euros e a reducida -para colectivos como persoas en situación de desemprego-, de 8. No caso dos grupos escolares pagarán 2 euros e as "visitas combinadas" ao Pórtico, ao Museo Catedralicio e mais á Colexiata de Sar custarán 12 euros que serán 10 con entrada reducida e 3 para grupos escolares. Quen poderán seguir accedendo ao Pórtico sen pagar serán os membros do Programa Amigos da Catedrale, ademais, certas excepcións previa retirada de convite: "un grupo de peregrinos de luns a domingo", para o cal terán que solicitar o billete na Oficina do Peregrino, e "dous grupos de composteláns todos os domingos á tarde ás 18:30 e ás 19:00), tamén previa retirada de convite na billeteira. Ese acceso para a veciñanza da cidade responde parcialmente ás peticións do Concello.
As autoridades eclesiásticas concretan así como poderá ser contemplado o resultado de case dez anos de traballos que remataron con tres anos de restauración. O equipo técnico que traballou na recuperación das tres capas de policromía atopou a obra nun estado "de dramática deterioración", especialmente "acelerado nos últimos dez ou quince anos" por mor dos "constantes desprendementos" e por factores como a forte humidade.