Domitila gañou o seu xuízo. A preferentista de 82 anos, cun xeonllo con osteoporose e un andador, fora acusada de saltar un cordón policial nunha protesta pola estafa das preferentes. O seu caso é a metáfora da "persecución" que din sufrir os colectivos de afectados por estes produtos financeiros, especialmente os de varias plataformas do sur de Galicia. A xustiza deulle a razón a ela e a outros catro membros do colectivo do Baixo Miño multados na mesma manifestación. Tras o seu recurso, devolveráselles o importe da sanción, de entre 100 e 200 euros.
A anciá, con osteoporose e un andador, fora acusada de saltar un cordón policial e de "alterar a orde pública"
Informou desta vitoria xudicial Xulio Vicente, voceiro da plataforma do Baixo Miño, unha semana despois de que se celebrase o xuízo en Pontevedra a estes cinco preferentistas. E avanzouse nun acto organizado polo BNG con diversos colectivos sociais.
O caso de Domitila serviu como exemplo e símbolo da "inxustiza" que denuncian moitos dos afectados polas preferentes que acumulan meses de protestas. Moitos anciáns foron sancionados e protagonistas dunha campaña de GzVideos. En xullo de 2013, Domitila Vicente foi multada pola Garda Civil por unha presunta "conduta violenta" por "alterar a orde pública" ao salar un cordón policial.
Fernando Asensio, de 70 anos, participou na mesma concentración e tamén foi acusado de "alterar a orde pública" polo seu "comportamento agresivo". Acudiu á manifestación a dous días de pasar polo quirófano por un cancro e descansou cada pouco nun asento que portaba. Tamén el gañou o xuízo e a xustiza deulle a razón. Como a Domitila, Ana Belén, Américo e Eugenio.
A xustiza dá a razón a outros catro preferentistas máis sancionados
Xulio Vicente lembra que xa son 18 do 19 os casos nos que se lle deu a razón aos preferentistas multados en protestas e polos que os afectados tiveran que abonar uns 20.000 euros. Os cartos deberán reintegrarse agora aos afectados, pero o voceiro da plataforma do Baixo Miño advirte tamén do "diñeiro público" que lle van costar a todos os cidadáns estes procesos. Por iso e polas novas sentenzas, o portavoz reclama a dimisión do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, ao que ve detrás das multas, tras acusar o Concello do Rosal de ser tamén un dos implicados na vaga de sancións.