Dúas nenas de Corcoesto escríbenlle a Feijoo para que pare o proxecto

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Ana e Marta Díaz Rodríguez (de 10 e de 9 anos) escríbenlle ao presidente da Xunta de Galicia, sobre a mina de Corcoesto para pedirlle que pare o proxecto. As rapazas afirman que "os nosos pais traballan a terra pero cando veña a mina seguramente non poderán seguir. A nós de maiores gustaríanos axudarlles pero así xa non poderemos".

 

Sr. presidente Feijóo:

Somos Ana e Marta, dúas nenas de 10 e 9 anos, que vivimos na parroquia de Valenza, en Coristanco. Oimos falar da mina de ouro de Corcoesto que vai estar nos montes detrás da nosa casa. Por eses montes paseamos moitas veces. Gústanos moito ir por alí porque é un sitio moi tranquilo e só se oen os paxariños, o rego de Lourido e o ruido dos pinos. Tamén nos gusta moito o muíño de Baralláns porque é un sitio moi bonito para ir de merenda. Ás veces descubrimos as pegadas do raposo e do porco bravo. Cando os nosos pais nos dixeron que todo iso ía desaparecer rompéusenos o corazón porque non queremos que desaparezan as árbores, os animais, o aire puro e a tranquilidade.

Coa mina haberá grandes explosións tódolos días cerca da nosa casa e producirá moito pó que chegará a todas partes, e tamén moito ruido día e noite. Tamén van facer unha piscina moi grande onde van botar todos os venenos da mina e vanos deixar aí para sempre, e poden contaminar os nosos pozos e fontes. Din que aínda que os veciños non queiran eles van facer a mina igual. Por que lles temos que deixar? Por que uns señores de fóra teñen máis dereitos que os que vivimos aquí traballando as terras desde sempre?

Os nosos pais traballan a terra pero cando veña a mina seguramente non poderán seguir. A nós de maiores gustaríanos axudarlles pero así xa non poderemos.

Por que os políticos non pensan nos nenos? Vale máis un camión de ouro que o noso futuro? Nós temos dereito a opinar e queremos que esto pare xa, non queremos que comece. Non queremos explosións nin venenos nin nada parecido, queremos que a natureza siga sendo tan preciosa como é agora.

Acordámonos do noso avó José. A el gustáballe moito a terra e o monte. Era toda a súa vida e poñeríase moi triste se vira como desaparece todo polo que el traballou sempre.

Pense como se sentiría vostede se lle fixeran isto detrás da súa casa e nunca máis puidera volver ao seu lugar favorito. Cómo se sentiría se lle quitan todo iso de repente? Queremos seguir nas nosas casas coidando as nosas terras.

Por favor, señor presidente, faga todo o que poida e pare a mina.

Grazas pola sua atención.

Unha aperta de Ana e Marta

 

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.