"É unha vitoria máis dentro da caza de bruxas que sofre o galego"

Carlos Callón © Susete

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, foi absolto anos despois. O pasado martes chegou a sentenza que o absolvía da denuncia que presentara o ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, por lembrarlle nunha nota de prensa a súa obriga de cumprir a lei logo de que declarara nun xornal non ter "ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña". O dirixente da asociación en defensa da lingua celebra o diatme da xuíza Natalia Paz Domínguez, na que aclara que as súas declaracións "non exceden da crítica e se atopan comprendidas na liberdade de expresión e información".

Callón lembrou o "disparatado" dunha denuncia dun xuíz contra un cidadán "que lle lembra que debe cumprir a lei"

"É un novo éxito xudicial para a lingua galega e unha vitoria máis dentro do longo proceso de caza de bruxas contra o noso idioma", lembrou este mércores nunha rolda de prensa na que destacou "o disparatado" dunha denuncia "presentada por un xuíz por terlle lembrado que había que cumprir as leis e, nomeadamente, a Lei de Normalización Lingüística".

"É un disparate a denuncia, pero tamén o longo procedemento", engadiu Callón, que recordou que el foi a terceir persoa "denunciada polo mesmo motivo" por Fraga Mandián, logo dun veciño de Oleiros e do deputado do BNG, Carlos Aymerich. "A sentenza é un correctivo moi grande para el, que debería escoitar o clamor social e ler a sentenza", recomendoulle.

Callón "desexa" que o proceso conclúa aquí, pero Fraga Mandián advertira de que recorrería a súa absolución

Así, Callón advertiu de que o ditame da xuíza do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña "recórdalle ao ex xuíz decano nun longo texto que a forma A Coruña é a única legal e oficial, facendo incluso un repaso completo da normativa e de anteriores sentenzas". "Desexamos que este proceso conclúa aquí", asegurou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que non está seguro de que sexa así, xa que Fraga Mandían xa advertira que recorrería a sentenza se el era absolto. Dispón de cinco días desde que se emitiu o ditame para presentar ese recurso.

Ademais, Carlos Callón lembrou que, malia o éxito xudicial, o feito de que a sentenza estea escrita en castelán demostra que o galego "segue en estado de proscrición", xa que el mesmo pediu en numerosas ocasións que as comunicacións xudiciais lle fosen enviadas en galego. "Menos do 3% das sentenzas emitidas en Galicia están en galego e o programa informático dos xulgados instalado pola Xunta non permite o uso sa lingua propia do país", insistiu.

O BNG deu este mércores os seus "parabéns" a Carlos Callón e reiterou que "defender a lingua galega, o idioma propio de Galiza, non pode ser delicto".

Por outra banda, Callón animou tamén a cidadanía a acudir o vindeiro día 27 á "manifestación nacional" que se celebrará en Santiago de Compostela para "reclamar a derrogación" do chamado decreto do plurlingüismo, logo de que o TSXG "declarase ilegal o seu núcleo", aínda que a plataforma Queremos Galego aproveitará tamén para protestar contra as "continuas discriminacións" que sofre o idioma propio en numerosos ámbitos.

Callón, ante os xulgados coas persoas que acudiron a apoialo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.