Edgewater advirte de que continuará adiante co proxecto de Corcoesto

Visita de Caesars Report a Corcoesto © Caesars Report

A compañía multinacional Edgewater advirte que se mantén totalmente comprometida co proxecto mineiro de Corcoesto e que "continuará con el" unha vez complete os requirimentos que agora lle exixe a Xunta e logo de que finalice o estudo de viabilidade. Nun comunicado feito público poucas horas despois de que o Executivo galego paralizase temporalmente a iniciativa, George Salamis, presidente da empresa, emitiu un comunicado no que aclara que a firma "proporcionará toda a información necesaria con respecto aos requisitos técnicos pedidos polo Goberno".

A empresa canadense asegura que cumprirá cos requirimentos da Xunta e seguirá adiante coa mina

"O proxecto mineiro non cumpre cos requirimentos técnicos e económicos esixidos, polo que a empresa deberá acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia del", anunciou a Xunta tras a reunión mantida con representantes de Edgewater, que agora aclara que foi o que lle foi solicitado polo Goberno galego, logo de advertir que cumprirá con todo o requirido.

"A Consellería de Economía e Industria requírenos un informe detallado de todo o persoal técnico que a empresa contratará para a eficiente e segura construción e desenvolvemento do proxecto de Corcoesto, proporcionar os detalles da análise económica e financeira da iniciativa empresarial, e que será incluída no estudo de viabilidade pendente, así como acreditar unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento", informa o presidente da multinacional canadense.

A multinacional aclara que xa ten aprobados dous créditos que suman 120 millóns de dólares

"A empresa está a piques de concluír o estudo de viabilidade final que proporcionará toda a información necesaria con respecto aos requisitos técnicos solicitados pola Xunta", insiste Edgewater, que aclara tamén que xa ten aprobados dous créditos financiados por Credit Suisse e Barclays que suman 120 millóns de dólares, unha cantidade que, tal e como xa detallara a compañía, cubriría máis do 75% do investimento previsto para o proxecto, que a firma sitúa nos 160 millóns de dólares. 

A filial tamén emitiu un comunicado no que cualifica as exixencias da Xunta como "un pulo máis para avanzar no proxecto"

Ademais, tamén a filial de Edgewater para o proxecto de Cabana, Mineira de Corcoesto, emitiu un comunicado onde asegura que "traballa xa desde hoxe no cumprimento dos novos requisitos técnicos e financeiros esixidos pola Xunta para a aprobación da mina", tras manifestar a súa "satisfacción" polo encontro mantido coa Xunta.

Segundo Mineira de Corcoesto, as exixencias da Consellería de Economía e Industria "son un pulo máis para avanzar no deseño do mellor proxecto posible para Cabana de Bergantiños". Segundo oo director de Operacións da firma, John Thomas, “demostrada a viabilidade ambiental do proxecto, tal e como se recolle na Declaración de Impacto Ambiental aprobada a finais do pasado ano, darémoslles cumprimento aos novos requisitos económicos e técnicos que, de seguro, mellorarán o proxecto presentado inicialmente”.

Por último, a empresa volve insistir no seu "compromiso de sacar adiante unha iniciativa que representará a creación de 271 postos de traballo directos e ata 1.600 indirectos".

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.