Edgewater busca extraer ouro en toda Galicia para tratalo na megaplanta de Corcoesto

Galerías da antiga mina subterránea de Corcoesto Dominio Público Praza Pública

Pouco a pouco vanse descubrindo os plans que a multinacional Edgewater ten para Galicia. Ao tempo que milleiros de persoas ateigaban as rúas de Compostela para rexeitar a "megaminería salvaxe" no país, Praza sacaba á luz que o paro e o apoio que o PP e o goberno da Xunta daban ás súas intencións eran claves na decisión da empresa de apostar polo ouro de Bergantiños, tal e como destacaba nos seus informes Caesars Report, firma especializada en avaliar e espallar proxectos de empresas mineiras para atraer investimentos no sector. Agora, é Adega quen descobre a través de documentación oficial unha pata máis nos plans da compañía, que pretende acaparar todos os dereitos mineiros auríferos na comunidade para extraer ouro en varias zonas e tratalo na que megaplanta que pensa construír en Corcoesto.

Edgewater pretende extraer ouro en calquera punto de Galicia e tratalo en Corcoesto para que o negocio lle sexa rendíbel

Os datos tíranse da documentación de Mineira de Corcoesto, filial de Edgewater, para a solicitude do permiso de investigación de Julia-2 (Cabana, Ponteceso e Coristanco) e na que a empresa, segundo destaca Adega, "expón a intención de acaparar todos os dereitos mineiros (nomeadamante de ouro) ubicados preferentemente no cinto aurífero Malpica-Tui". O seu obxectivo sería abrir explotacións en calquera lugar de Galicia onde haxa recursos de ouro para logo tratalos na megaplanta de cianuración que se ubicaría en Corcoesto. Unha forma de facer "rendíbel" a inciativa, ao concentrar todo o procesado do mineral en Cabana, evitar a construción de novas plantas en cada mina e reducindo os custos e os trámites a levar a cabo.

"Os recursos só poderían ser economicamente explotados no caso de poder beneficiarse dunha planta de tratamento xa en funcionamento e próxima", di a multinacional

A lectura textual da documentación non deixa lugar a dúbidas: "O obxectivo prioritario é a obtención dos dereitos mineiros dispoñíbeis, tanto arredor do Proxecto Corcoesto como noutras zonas ao longo do cinto aurífero de Malpica-Tui, nas que se coñecen numerosos indicios de ouro e nalgúns casos con recursos inferidos indefinidos, que polo seu reducido tamaño só poderían ser economicamente explotados no caso de poder beneficiarse dunha planta de tratamento xa en funcionamento e próxima".

"Os posibles xacementos pequenos, pero razoables (...), poderían ser economicamente viábeis xa que non sería necesario o considerar a construción dunha planta de tratamento no estudo de viabilidade", continúa a empresa.

Serían, segundo a organización ecoloxista, 18 concesións mineiras en toda Galicia, entre permisos de investigación e explotación, que se ubicarían fundamentalmente nas áreas de Bergantiños, Ferrolterra, Santa Comba-Zas e Os Ancares. Ademais, habería que engadir outras 17 solicitudes doutras filiais de multinacionais e consultoras que se centrarían no sur do cinto aurífero galego, no Baixo Miño e na Serra da Groba.

Para Adega, a estratexia de Edgewater é clara: "eliminar a competencia doutras empresas e facer rendíbeis explotacións con baixas leis ou pequenas cantidades de ouro, concentrando o procesado do mineral nas instalacións de Corcoesto". Ao tempo, a multinacional quere evitar os problemas derivados da cianuración e facer "máis atractivo" o proxecto nas novas zonas, ao ser Cabana de Bergantiños o único lugar onde se levarían a cabo estes polémicos e perigosos procesos con materiais altamente contaminantes.

Concentrando a cianuración en Corcoesto, a empresa pretende "desactivar" novos conflitos en novas zonas, segundo Adega

Así, a organización ecoloxista "advirte á cidadanía" que Edgewater pretende "desactivar" novos conflitos sociais nas zonas onde se pretenden abrir novas minas e "potenciar o discurso localista e dividir a sociedade e a veciñanza". "Mais esta estratexia ten un punto fraco: fiar a rendibilidade de todos os seus proxectos de ouro en Galiza á construción da megaplanta de cianuración de Corcoesto implica que, se este proxecto non chega a facerse, a maioría das ameazas mineiras de ouro no país desaparecerían".

Adega pide á sociedade galega que ateigou as rúas de Compostela este domingo 2 de xuño que se "manteña firme na loita contra a megaminaría contaminante e colonial" e que "afortaleza as sinerxias e a solidariedade entre os colectivos sociais, veciñais, gremiais e políticos que se opoñen a esta barbarie".

Documentación de solicitude de investigación de Edgewater © Adega
Mapa coas zonas onde Edgewater pretende máis concesións de ouro © Adega

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.