Edgewater leva aos tribunais á Xunta, á que reclama 20 millóns de euros

Alberto Núñez Feijóo, na web de Edgewater CC-BY-SA Praza Pública

As ameazas de Edgewater fixéronse realidade. Mineira de Corcoesto, filial da multinacional canadense, vén de interpoñer un recurso contencioso-adminitrativo contra a Xunta. Acudiu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para reclamar o investimento realizado polo proxecto mineiro que foi paralizado en Bergantiños e unha indemnización por danos á súa imase. Reclamará por todo uns 20 millóns de euros. Cumpre así coas advertencias que lle realizara ao Goberno galego, ao que xa avisara que ía ter que restituír polos danos patrimoniais e o devandito investimento.

Edgewater reclámalle á Xunta uns 20 millóns de euros polo investimento realizado no proxecto agora cancelado

Expertos consultados por Praza aseguran que, moi probablemente, o recurso acabe en nada. Desde que a Xunta botase atrás o plan para a polémica mina a ceo aberto que propuña Edgewater, que foi cancelado definitivamente hai case un ano, a multinacional atopouse con demasiados atrancos. O último, a perda das concesións mineiras; e antes, a invalidez da súa Declaración de Impacto Ambiental favorable, tal e como advertiu mesmo o Valedor do Pobo en numerosas ocasións.

Mineira de Corcoesto entende que a Xunta excedeuse na súa petición de solvencia económica e argumenta un trato discriminatorio por parte do Executivo galego con respecto doutros proxectos mineiros. Segundo adiantou La Voz de Galicia, a tardanza por parte da compañía en presentar o recurso débese á procura que de socios para o caído proxecto levou a cabo nos últimos meses. Sacyer era un dos candidatos e segue interesado nun proxecto que ten no punto de mira.

Sacyr e o seu interese na compra de dereitos mineiros é a grande ameaza para os contrarios á mina a ceo aberto

A construtora, que xa intentara un acordo con Edgewater en Corcoesto, negocia agora a compra de dereitos mineiros e a reapertura de explotacións de ouro, cobre ou wolframio. Tal e como advirten os diferentes colectivos contrarios á mina, Sacyr é nestes momentos a principal ameaza para Bergantiños, non só polo seu interese, senón pola súa fortaleza económica e as fortes e sólidas relacións que mantén co Partido Popular. De feito, expertos en minería consultados por Praza cren que a multinacional canadense "tan só pretendía especular" coa polémica mina, "deixar todo o terreo preparado e vender logo todo o paquete completo".

Alberto Núñez Feijóo, na web de Edgewater CC-BY-SA Praza Pública
Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.