En tractor contra a mina de Corcoesto e na defensa do agro da comarca

Un intre da protesta contra a mina CC-BY-SA Salvemos Cabana

A pé e sobre rodas. A veciñanza de Bergantiños contraria á posta en marcha dunha mina de ouro en Corcoesto saíu este domingo novamente á rúa e, desta volta, tamén ás estradas da comarca para rexeitar a explotación aurífera, desta volta convocada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, na que se integran diversos colectivos ecoloxistas e veciñanza da zona. A "tractorada mixta", composta por arredor dunha vintena de tractores e un cento de vehículos partiu de Corcoesto e Laxe e rematou diante da casa do Concello de Cabana, a cuxo rexedor, José Muiño (PP), se dirixe directamente a plataforma Salvemos Cabana por ser "máximo impulsor do proxecto" e xerar unha importante "situación de malestar entre os veciños", dado o seu "apoio permanente á iniciativa da transnacional mineira Edgewater".

Entre lemas como "non queremos arsénico nin cianuro" ou "adeus ríos, adeus fontes, vén a mina!", o colectivo contrario ao proxecto considerou que "o ambiente de tensión que xerou no municipio" o "impulso continuado" do alcalde a Edgewater "non é sostible por máis tempo". "En ningún caso a maioría absoluta que esgrime para xustificar unha e outa vez o seu apoio" á mina "pode ser unha patente de corso para gobernar Cabana de Bergantiños sen escoitar o clamor popular que, tanto dentro como fóra do concello, se levantou contra a iniciativa mineira". "Parécenos incrible que José Muíños, veterinario de profesión, non sexa consciente dos graves danos ambientais e sociais que este megaproxecto" pode traer consigo "especialmente cando finalice a súa etapa operativa". Daquela, din, haberá "100.000 toneladas de residuos altamente contaminados que, ano tras ano, quedarán na nosa bisbarra".

"Uns poucos anos de traballo en precario para uns poucos a cambio dunha hipoteca ambiental durante innumerables xeracións?"

Precisamente o apoio ao sector agropecuario e marisqueiro foi un dos piares da mobilización deste domingo. Colectivos do sector como o sindicato Unións Agrarias, di a plataforma, coidan que a mina "pode poñer en perigo un total de 1.452 granxas censadas en Bergantiños que xeran na actualidade 2.714 postos de traballo directos", polo que "cos datos na man, demóstrase que, baixo ningún concepto, os pretendidos 271 empregos" da mina compensan a súa ubicación na zona. "Uns poucos anos de traballo en precario para uns poucos a cambio dunha hipoteca ambiental durante innumerables xeracións?", pregúntanse.

Xunto ao Concello, o principal albo da protesta foi o Goberno galego, tanto por parte da veciñanza como dende as forzas políticas que apoiaron a protesta, AGE e BNG. Dende Alternativa o seu voceiro parlamentario, Xosé Manuel Beiras, lamentou que a Xunta aposte por converter a mina nun proxecto "estratéxico" aínda que sexa "en fraude de lei" para así "suavizar os trámites" da autorización dunha mina contra a que, suxire, cabería instalar unha acampada permanente. Dende o Bloque o seu portavoz nacional, Xavier Vence, lamenta que a Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, "autorice e subvencione o expolio dos recursos" galegos. O Executivo, censura, "só se move por criterios economicistas que nin sequera deixarán riqueza no noso país".

Un dos tractores, durante a protesta © @alriveiro
Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.