A Xunta busca reactivar o sector da minaría en Galicia. Esta semana publicouse no DOG unha convocatoria de axudas económicas, dotada con 800 mil euros, destinada a “reforzar o desenvolvemento da eficiencia da minaría galega” e ás que poden concorrer unicamente entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade e os seus estudos en Galicia. Primaranse, ademais, as actividades que teñan como espazo de desenvolvemento as provincias de Lugo e Ourense. A Xunta financiará a práctica totalidade (até un 80%) dos custes das investigacións e prospeccións realizadas por estas asociacións ou fundacións.
Varios colectivos denuncian que nos vindeiros anos podemos ver máis Corcoestos en distintos lugares de Galicia, por mor do renovado interese de moitas empresas por obter ouro, debido ao seu elevado prezo.
Os colectivos que en varios lugares de Galicia se opoñen á apertura de novas explotacións mineiras, coma a Plataforma pola defensa de Corcoesto, xa expresaron a súa preocupación por esta convocatoria, que entenden que se enmarca nunha política da Xunta tendente a fomentar a actividade de proxectos mineiro en todo o país. Poñen en dúbida o mesmo concepto de entidade sen ánimo de lucro ligada ao sector da minaría e denuncian que se están utilizando fondos públicos destinados nos orzamentos a familias e entidades sen ánimo de lucro (partida orzamentaria 08.04.734A.781.2) para entregarllelos por vía indirecta ás empresas mineiras.
Esta e outras plataformas denuncian que nos vindeiros anos podemos ver máis Corcoestos en distintos lugares de Galicia, por mor do renovado interese de moitas empresas por obter ouro, debido ao seu elevado prezo. Así mesmo, denuncian que a Xunta está alentando a instalación destas explotacións, que segundo estes colectivos supoñen un beneficio moi escaso para os lugares nos que se asentan, e en cambio teñen importantes consecuencias negativas (para o medio ambiente, as economías locais, o turismo...). Así, por exemplo, nos últimos meses autorizáronse explotacións a corporacións que procuran ouro en San Xoán de Río, Rubiá, Barco de Valdeorras, Trives e Ribas de Sil, todos nos concellos de Lugo e Ourense.
A empresa autorizada para iniciar os traballos de prospección en Rubiá e O Barco é a Sierra Mining Company, S.A, con sede en Estepona (Málaga) e presidida por Alan-Robert Burns
Estas explotacións en moitos casos buscan ouro en lugares que xa no pasado tiveron unha certa actividade mineira, algunhas de feito realizadas polos romanos. As prospeccións procurarán tamén outros minerais e materiais, coma wolframio, plata, cobalto, cobre, estaño e as chamadas terras raras.
A empresa autorizada para iniciar os traballos de prospección en Rubiá e O Barco é a Sierra Mining Company, S.A, con sede en Estepona (Málaga) e presidida por Alan-Robert Burns, que dirixe un entramado multinacional de empresas mineiras. Mentres que en San Xoán de Río e Ribas de Sil trátase de Sondeos y Perforaciones Industriales del Bierzo, S.A.