Escoitámonos na noite electoral?

CC-BY-SA Praza Pública

O 25 de maio Praza Pública tamén se escoita. A das europeas do 25 de maio será a segunda noite electoral da historia deste xornal, nado o 1 de febreiro de 2012. Tras a primeira experiencia nas eleccións galegas dese mesmo ano, co proxecto tecnolóxico, xornalístico e social aínda a arrincar, a redacción de Praza Pública e a fundación que a sustenta apostan este 25-M por complementar o traballo informativo e culminar o especial eleccións cunha emisión radiofónica en streaming que poderá ser escoitada a través da web do propio xornal e na que a información se completará coa reflexión, o debate e un chisco de música.

Dende o peche dos colexios electorais e durante arredor de catro horas os xornalistas Iago Martínez e David Lombao conducirán unha programación que comezará cun repaso ao acontecido durante o día de votacións, as impresións dos líderes políticos a pé de urna e tamén das primeiras sondaxes. Inmediatamente despois deste treito informativo chegará a primeira mesa de debate, centrada na participación e na abstención rexistradas tanto en Galicia como no resto do Estado e nas sensacións que deixe a xornada.

A emisión radiofónica combinarase coa información no xornal, que estará enriquecido pola análise e visualización de datos do 'hackaton' electoral d'A Navalla Suíza

Actualizacións informativas con datos do reconto oficial, as primeiras impresións das formacións políticas no territorio galego e as proxeccións de resultados que vaian chegando dende a Eurocámara salferirán unha emisión que, ao fío das once da noite, abordará tamén os resultados das eleccións. Pola mesa da radio de Praza Pública analizarán a xornada dende cadansúa óptica persoas de diferentes ámbitos sociais, académicos, profesionais e políticos como Carlos Neira, Sara Torreiro, Ana Luísa Bouza, Luís Villamor, Xaime Subiela, Mercedes Rosón ou Encarna Otero, entre outras.

A emisión radiofónica de Praza estará combinada ao longo de toda a noite coa información do xornal, no que o relato informativo do día estará acompañado e enriquecido pola análise e visualización dos datos electorais que van ser xerados no hackaton electoral organizado pol'A Navalla Suíza, no que un equipo multidisciplinar de profesionais debullará o veredito das urnas baseándose en múltiples variables e cunha tecnoloxía novidosa. Lémonos e escoitámonos o domingo?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.