Estudantes cataláns, vascos e galegos únense para mobilizarse contra os recortes no ensino

Estudantes pechados na Biblioteca de Ourense CC-BY Liga Estudantil Galega

Organizacións estudantís nacionalistas do País Vasco, Catalunya e Galicia -pero tamén de Aragón, Cantabria ou Asturias- comezan a artellar estratexias comúns para un outono que prevén “moi quente” e de cara ás futuras mobilizacións “contra as reformas e recortes en educación e a favor da soberanía dos pobos”.

Representantes de Liga Estudiantil Galega, Agir, Ikasle Abertzaleak, SEPC, Jaleo, Yesca, Regüelta, Darreu ou Universidat celebran este martes unha rolda de prensa fronte ao Ministerio de Educación en Madrid na que fan “un chamamento á mobilización” contra os recortes e as políticas educativas levadas a cabo polo Goberno do Partido Popular.

Organizacións de Euskadi, Catalunya, Galicia, Asturias, Cantabria ou Aragón buscan fórmulas de colaboración para loitar contra os ataques ao ensino público

“Reclamamos unha educación pública e de calidade ante unha política de recortes que nos está a afectar duramente agora, pero que non é nada novo, xa que levamos anos aturando a precarización do ensino e o seu sometemento a intereses privados”, aclara Antón Castro, representante da Liga Estudantil na convocatoria de Madrid. O voceiro da Liga destaca que a colaboración que se levará a cabo “entre organizacións das diferentes nacións do Estado” xorde da necesidade dunha “resposta conxunta” ante unha problemática “que ten os seus matices en cada territorio, pero que é global e nos é común”.

O vindeiro 11 de outubro celebrarán o Día Internacional de Mobilización Estudantil e Loita

Ademais, todas as organizacións estudantís convocadas en Madrid anuncian tamén a celebración do Día Internacional de Mobilización Estudantil e Loita, que terá lugar o vindeiro 11 de outubro e co que se levarán a cabo diferentes accións de protesta tanto en cada autonomía como a nivel estatal.

Estudantes pechados na Biblioteca de Ourense CC-BY Liga Estudantil Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.