Europa investigará o Estado español por incumprir a protección a vítimas de violencia de xénero

Delegación que presentou a demanda en Bruxelas © AGEe

Europa investigará o Estado español por incumprir a protección a vítimas de violencia de xénero. A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de aceptar a trámite a demanda presentada contra España por incumprimento das directivas europeas en canto ás vítimas de violencia machista e menores de idade. Unha denuncia promovida por dúas asociacións galegas -Agamme (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores) e a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo- e máis o Grupo de Investigación Antígona da Universidade Autónoma de Barcelona.

A Comisión de Peticións da Eurocámara acepta a trámite a demanda presentada por incumprimento das directivas europeas en canto ás vítimas de violencia machista e menores de idade

A demanda alerta dunha praxe xudicial asentada que, segundo denuncian os colectivos, "non se axusta aos estándares europeos de atención a vítimas de especial protección, como son as de violencia de xénero e de maltrato infantil e, facendo mención aparte, as vítimas de violencia sexual menores de idade". 

"Esta praxe xudicial produce indefensión pois obstaculiza o enxuizamento deste tipo de delictos. As vítimas de violencia de xénero e os nenos, nenas e adolescentes que sofren maltrato a mans do proxenitor vense privados, durante o procedemento, de dereitos procesais e dereitos fundamentais", asegura a demanda, que foi presentada en novembro de 2015 ao abeiro dunhas xornadas organizadas por AGEe na Eurocámara sobre O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza

O Parlamento Europeo solicita tamén á Comisión Europea que abra unha investigación en base á información achegada

O Parlamento Europeo, tal e como destaca Agamme, non só admite a trámite a demanda, senon que atopa datos suficientes como para entender que é precisa unha intervención. Así, solicita á Comisión Europea a apertura dunha investigación sobre a base da información achegada e remite a petición á Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior e a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero.

A demanda céntrase na vulneración de dereitos fundamentais sufrida por este tipo de vítimas nos procedementos xudiciais e presenta unha serie de peticións tendentes a axustar o marco normativo español. Faino co obxectivo de concretar certos aspectos como o grao de especialización que deben ter os profesionais que atenden as vítimas durante o procedemento, o establecemento duns prazos de intervención que faciliten a recollida da proba, a protección do dereito do neno e da nena a ser escoitados, "eliminando esa continua escusa de 'que tenga madurez' presente na normativa española como elemento que limita o acceso a este dereito".

A demanda reclama a especialización dos profesionais ou acabar coa praxe que invalida o testemuño dos menores maltratados

Ademais, tamén solicita medidas de protección efectiva das vítimas respecto do seu vitimario durante a investigación e durante o xuizo oral ou recollida de datos estatísticos incluídos os referidos a nenos e nenas vítimas de maltrato infantil ou violencia de xénero. 

O obxectivo da demanda é "lograr unha maior adaptación da xustiza aos delitos relacionados co maltrato infantil e a violencia de xénero, de tal maneira que se facilite o seu enxuizamento, partindo de que nunha porcentaxe elevada se trata de delitos que só poderán ser probados a través da proba testifical da propia vítima". "É ese o motivo de que se conceda tanto espazo ás condicións nas que se debe realizar a recollida do testemuño, así como as medidas de protección que debe recibir a vítima antes e durante a realización da proba", advirte Agamme. 

A denuncia tamén dedica un espazo a solicitar a erradicación de prácticas non científicas que producen desprotección nas vítimas deste tipo de delitos. Xa que logo, o texto denuncia a xeneralización da aplicación dunha teoría sen recoñecemento científico dentro do sistema xudicial español: a denominada suposta síndrome de alienación parental (sSAP) e o seu complemento “terapéutico”, a terapia da ameaza.

"Parabéns aos colectivos de mulleres que tomaron a iniciativa na viaxe do pasado novembro a Bruxelas convidadas por Lídia Senra. Continúa a loita! Polo fin da violencia machista!", expresou AGEe. 

Lidia Senra, Estrela Gómez e Rosa Fontaíña, na presentación da xornada Dominio Público AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.