Facebook bloquea activistas que denuncian as pexas nos cabalos

Un cabalo con pexa nun monte galego © colectivonacionalista

A asociación animalista Libera lanzou a pasada fin de semana unha ciberpetición na que se reclama a fin da cruenta colocación nos cabalos de pexas, aparellos que colocan os gandeiros nas patas dos animais para limitar os seus movementos polos montes galegos e que lle provocan lesións e graves danos. A campaña vai en paralelo á iniciada tamén a través da plataforma senpexas.info, unha páxina web onde calquera cidadán pode denunciar este maltrato enviando os datos de localización dos equinos con piega -con foto ou sen ela- e que despois de verificar son remitidos á Fiscalía Provincial de Medio Ambiente competente.

Facebook bloqueou o perfil de activistas que denunciaban as pexas, pero mantén os que defenden as touradas

Rubén Pérez é o voceiro da asociación Libera, promotora da loita contra este maltrato animal, que viu como a súa posibilidade de difusión das campañas quedaba limitada. A rede social Facebook bloqueou o seu perfil durante quince días, suponse que "por entender que facía difusión de contidos violentos", tal e como aclara o afectado, que entende que "son normas dunha multinacional", pero que non comprende como si seguen existindo "perfís que promocionan e defenden as touradas, incluíndo fotografías, sendo esta unha actividade ilegal na maioría dos países do mundo".

"Procuro variar as fotografías e non poñelas moi explícitas, pero Facebook bloqueoume igual", explica. Non foi o único. Un dos seus compañeiros tamén foi bloqueado pola multinacional. "É a primeira vez que me pasa", insiste.

Pero a campaña na loita contra estas pexas que tanto dano causan a milleiros de cabalos en Galicia continúa. Son xa máis de 7.500 as sinaturas acadadas. Pretenden chegar ás 10.000 para apoiar así unha proposición non de lei presentada a finais do mes de febreiro polo BNG no Parlamento galego e na que se piden que a Xunta tome medidas contra esta práctica.

A recollida de sinaturas pretende apoiar unha proposición non de lei presentada polo BNG para rematar con este maltrato animal

A iniciativa do Bloque enmárcase dentro do traballo do Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais (EPDA) e foi presentada de forma conxunta pola formación nacionalista, a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, entidades que levan xa tres anos traballando contra as pexas.

"Ao ser unha proposición non de lei, a efectividade que pode ter non é igual á dunha ILP, pero entendemos que existe suficiente normativa e diferentes decretos da propia Xunta, o último de 2011, que prohíben explicitamente as pexas", explica Rubén Pérez, que advirte tamén de que o Código Penal ten artigos que sancionan explicitamente o maltrato animal.

Ademais, na web senpexas.info presentáronse xa 78 denuncias administrativas e penais por un total de 130 animais con toda clase de artiluxios nas súas patas. Algunhas inclúen fotografías e outras nos, pero Rubén Pérez destaca "o difícil" que é atopar os responsables deste maltrato animal. Así, das case 80 denuncias presentadas, en tan só unha se encontrou o responsable, en parte tamén porque non se cumpre coa obrigatoriedade de colocarlle un microchip a cada animal.

Un cabalo con pexa nun monte galego © colectivonacionalista
Mapa coas denuncias en senpexas.info © senpexas.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.