"Non teño todos os datos na cabeza, pero creo que hai unha decisión do Concello de Mugardos de facer unha modificación do PXOM para compatibilizar os usos dunha regasificadora única de Galicia e o mantemento do emprego. Todo parece indicar que hai encaixe legal urbanístico para cumprir a sentenza e manter Reganosa na súa actual ubicación. Dime o conselleiro de Economía que estou no certo". Alberto Núñez Feijoo confía na continuidade da planta de gas de Reganosa na súa localización actual, no interior da ría de Ferrol, e cre que a sentenza do Tribunal Supremo que esta semana anulou a modificación do PXOM de 2003 non obrigará ao seu traslado a outra localización.
O mesmo pensa o alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia (BNG), que defende que a nova modificación do plan de ordenación municipal, aprobado polo pleno municipal celebrado o 19 de abril de 2012 cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e o voto en contra de EU, amparará a instalación da planta na súa localización actual en Punta Promontorio. Segundo Fernández Barcia, en 2003 a lei non especificaba "claramente" a necesidade de incluír unha Declaración de Impacto Ambiental, da que Reganosa sempre careceu. A sentenza do Tribunal Supremo é clara neste senso e polo tanto a continuidade da planta depende diso.
Segundo Fernández Barcia e Núñez Feijoo o novo PXOM legalizará a situación, e o propio alcalde afirmou que o Consello da Xunta o aprobará “en dez ou quince días”, o que non foi confirmado polo presidente da Xunta
Segundo Fernández Barcia e Núñez Feijoo o novo PXOM legalizará a situación, e o propio alcalde afirmou que o Consello da Xunta o aprobará “en dez ou quince días”, o que non foi confirmado polo presidente da Xunta. Porén, dende o Comité Cidadán, que presentou numerosas alegacións ao novo plan, aseguran que a nova modificación do PXOM incide "nas mesmas razóns de ilegalidade" e afirman que a planta non vai contar con esa declaración de impacto ambiental.