Fenosa renuncia a almacenar enerxía no Cabo Vilán tras a presión política e social

Parque eólico no Cabo Vilán, en Camariñas CC-BY-SA P. Lameiro

Gas Natural Fenosa recuou. Decidiu suspender o seu polémico proxecto de almacenamento de enerxía renovable no parque eólico de Cabo Vilán, incluído na Rede Natura, e a pesar de que a Xunta xa autorizara a súa tramitación neste lugar sen ter solicitado antes a avaliación de impacto ambiental. A eléctrica argumenta que a súa decisión chega tras novas consultas ás autoridades autonómicas e locais e malia que a súa tecnoloxía cumpriría coas máximas garantías ambientais.

Gas Natural Fenosa renuncia a un proxecto que xa autorizara a Xunta malia non ter solicitada a avaliación de impacto ambiental

Non obstante, a presión social e política parece que foi clave. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi quen alertou do plan e amosou o seu total rexeitamento, ao igual que AGE ou BNG, que rexistrou no Parlamento unha petición para a súa "paralización inmediata" e que anunciou unha denuncia ante a Comisión Europea ante as substancias perigosas, tóxicas e corrosivas que se prevían nos traballos. 

Agora, a SGHN cre que Fenosa "recoñece" que tiñan "razón", tras solicitar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que se "desbotase a realización do proxecto no interior do LIC e ZEPA Costa da Morte". O colectivo advertira que a enerxía eléctrica xerada polo parque eólico de Cabo Vilán" transpórtase e consúmese fóra" desta zona protexida, polo que "non semella xustificado que o sistema de almacenamento a medio-longo prazo de enerxía eléctrica teña que estar a pé de aeroxerador en lugar de, por exemplo, na subestación eléctrica máis próxima".

A SGHN asegura que a eléctrica "recoñece" agora que tiña "razón" ao non atopar xustificación á localización do almacén no Cabo Vilán

Ao tempo, a SGHN alertou de que este sistema de almacenamento contemplado no proxecto "precisa do emprego dunha substancia tóxica (sulfato de vanadio) e outra moi corrosiva (ácido sulfúrico) en cantidades e concentracións non especificadas na documentación recibida", que únicamente sinala as dimensións dos tanques, uns 25.000 litros que no caso de ácido sulfúrico concentrado "equivalerían a unhas 45 toneladas".

Tal e como aclara a Sociedade, o pasado 15 de xaneiro, sorprendentemente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu que non era preciso sometelo a avaliación de impacto ambiental, "malia tratarse dun proxecto enerxético experimental prohibido en Rede Natura polo seu Plan Director". A decisión saltou rápidamente aos medios de comunicación, así como a resposta de Gas Natural Fenosa afirmando que levaría a cabo o proxecto "coas máximas garantías".

Agora, Gas Natural recúa e asegura que o proxecto "non require desa localización específica para o seu desenvolvemento". En definitiva, "o mesmo que dixo a SGHN hai case ano e medio". 

Parque eólico no Cabo Vilán, en Camariñas CC-BY-SA P. Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.