Ferrol envellece entre promesas de futuro

Manifestación do persoal do naval ferrolán CC-BY-NC-SA Susete

"Os ferroláns están espertando do seu letargo con forzas renovadas para volver crecer". "Reconfórtame ver que hai ferrolańs dispostos para guiar esta vella cidade, que espera por un futuro que a faga avanzar". "A Xunta dará a batalla a favor de Ferrol, o apoio está garantido tanto para levar a cabo os proxectos que dependen dela como para tratar de desbloquear os que dependen do Goberno central". "A Xunta estivo, está e estará comprometida con Navantia, co sector naval e con toda a industria naval da cidade". "Compartimos a inquedanza da cidade e da comarca e dos traballadores do sector naval ante a situación que arrastran hai anos". Estas e outras declaracións resumen, en boa medida, a actitude dos gobernos, esencialmente do galego cara á cidade de Ferrol e a súa contorna, unha urbe cunha poboación que, á luz dos datos, cada vez envellece máis e pode traballar menos mentres agarda pola concreción de todas esas promesas.

Vixilias masivas e manifestacións multitudinarias lémbranlles periodicamente aos gobernantes unhas materias pendentes que o Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de traducir a cifras no seu panorama dos sete grandes concellos, o estudo no que debulla os datos básicos das principais cidades do país. Segundo as cifras máis recentes, datadas en 2012, Ferrol ten a idade media máis alta de Galicia, con 46,7 anos, máis dun ano por riba da media galega e das segunda e da terceira cidade máis avellentadas, Ourense e A Coruña, e catro máis que a cidade con menor idade media, Pontevedra, que queda en 42,2.

Ferrol ten o maior índice de envellecemento e encabeza o rexistro de idade media e taxa de mortalidade

A vellez da cidade departamental fica tamén clara noutros datos proporcionados polo IGE. A pobobación ferrolá é a que conta cunha menor porcentaxe de poboación menor de 20 anos (14,9%) e a que ten máis habitantes maiores de 64 (24,6%). Se a variable analizada é o índice de envellecemento, que mide a realación entre ambos grupos de poboación -maiores de 64 e menores de 20-, Ferrol tamén sae mal parada: por cada 100 persoas menores de 20 anos ten 165 maiores de 64. No polo oposto está, de novo, Pontevedra, que co seu 93,2% é tamén a única das sete cidades cun índice de envellecemento menor de 100, isto é, con máis menores de 20 que maiores de 64.

Neste contexto, a taxa de mortalidade, que mide o número de defuncións por cada mil habitantes, non é unha excepción. Ferrol é o gran concello galego con maior taxa, un 12,1, e Pontevedra o que a ten menor, cun 9,5. A media galega neste caso está en 11 e nos sete grandes concellos a taxa de mortalidade dos homes supera á das mulleres.

A menor afiliación á Seguridade Social

Afiliación á SS entre a poboación de 15 a 64 anos
Fonte: IGE 2012
% Homes Mulleres Total
A Coruña 54,3 51,7 52,9
Ferrol 43,6 40,1 41,8
Santiago 56,7 52,8 54,7
Lugo 55,8 52,7 54,2
Ourense 54,0 50,1 52,0
Pontevedra 48,4 46,5 47,4
Vigo 54,1 48,4 51,1
GALICIA 54,0 48,3 51,1

Os datos poboacionais son o pano de fondo dunha realidade socioeconómica era mala, pero que moi probablemente na actualidade é peor, toda vez que, por exemplo, Navantia xa quedou sen carga de traballo. Un bo retrato robot desta circunstancia son os datos de afiliación á Seguridade Social, tamén debullados polo INE no seu panorama dos grandes concellos. Ferrol é, entre os sete grandes concellos de Galicia, o que presenta unha menor taxa de afiliación entre a poboación de entre 15 e 64 anos, cun 41,8%  que a deixa a case seis puntos de Pontevedra, a segunda con menor taxa, e ben máis lonxe dos concellos nos que mellor se comporta este indicador, Lugo e Santiago, cun 54,2 e un 54,7, respectivamente.

Vixilia polo naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.