O 4 de outubro do ano 2012 traballadores de Navantia e de Poligal manifestáronse en Ferrol en demanda de carga de traballo para o estaleiro e esixindo tamén "claridade" sobre os contratos prometidos por Núñez Feijóo. Era o inicio da campaña das eleccións autonómicas e o Partido Popular realizou a súa pegada de carteis na Praza de Amboaxe. Os traballadores dirixiron alí a súa mobilización, consistente nunha sonora cazolada, o que obrigou os populares -escoltados pola policía- a mudar o acto cara o interior do Hotel Almirante, onde tamén recibiron as protestas. Pasadas as doce da noite chegaron os antidisturbios, que cargaron contra os 300 traballadores concentrados.
O ex-secretario comarcal da CIG sufriu feridas nunha dura carga policial en 2012 contra unha protesta dos traballadores de Navantia. Porén, foi acusado de agredir a un axente
Entre eles estaba Xesús Anxo López Pintos, daquela secretario comarcal da CIG en Ferrol, que resultou ferido na carga policial e que despois foi trasladado á comisaría, onde denunciou ter recibido malos tratos. Porén, López Pintos foi denunciado por agredir un dos axentes, en concreto por por "agarrar pola roupa un policia e pegarlle no casco".
O xuízo contra el terá lugar os días 12, 13 e 14 de novembro na Coruña, momento no que terán lugar concentracións ante os xulgados e mais nas portas de Navantia. Pero na cidade de Ferrol iniciouse xa un movemento de solidariedade con López Pintos e de denuncia da "represión sindical". Este martes 29 de outubro está convocada unha manifestación convocada por CIG, CCOO, UGT e CGT e apoiada por entidades políticas, sociais e culturais de todo tipo e por un total de 35 comités de empresa, entre eles o de Navantia.

CIG, CCOO, UGT e CGT consideran que "o proceso contra Pintos supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social"
CIG, CCOO, UGT e CGT consideran que "o proceso contra Pintos supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social como ferramenta básica da clase obreira para a defensa dos nosos dereitos". Manuel Anxo Grandal (CIG) sinalou a este respecto que a represión contra Pintos "reviste un carácter exemplarizante, xa que coa súa detención pretendíase enviar unha mensaxe a toda a clase traballadora da comarca, que naquel momento se estaba a mobilizar intensamente para esixir solucións á crise laboral e social".
Os catro sindicatos coincidiron en subliñar a importancia de "manter a unidade na loita pola defensa dos dereitos e das liberdades fundamentais" e reclamaron a derrogación inmediata da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal, "xa que son dous mecanismos que se están a utilizar para acalar a resposta social".
A carga policial e o trato recibido polo sindicalista López Pintos marcaron o inicio daquela campaña electoral
A carga policial e o trato recibido polo sindicalista López Pintos marcaron o inicio daquela campaña electoral e foron duramente criticadas por Francisco Jorquera (BNG) e Yolanda Díaz (AGE). E, igualmente, polo secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, que sinalara que “o Partido Popular recorre a todos os medios: criminalización da mobilización social, uso da represión e brutalidade dos elementos máis fascistas da policía, manipulación na prensa ou a utilización dos xuíces afíns para tentar desprestixiar calquera oposición activa”.