O octoxésimo aniversario do golpe de Estado contra a II República que derivou na ditadura franquista dá lugar estes días a numerosas lembranzas a respecto da vida política e social da época. Pero, como era a poboación galega que, hai agora 80 anos, pasou a ter prohibido circular en grupos de máis de dúas persoas e, nalgunhas cidades, se enfrontou a sancións por portar unha fouce, ferramenta agraria que pasou a ser considerada unha arma polos fascistas? Os fondos documentais do INE permiten trazar un retrato poboacional daquela Galicia na que vivían 2,2 millóns de persoas, unhas 500.000 menos que na actualidade. Era unha poboación máis moza, máis rural e cunha altísima porcentaxe de analfabetismo.
En Lugo e Ourense viven agora menos persoas que hai 80 anos
O censo de poboación máis próximo a 1936 con datos non afectados pola merma poboacional da guerra foi o elaborado en 1930, cuxa publicación foi autorizada definitivamente polo Ministerio de Sanidade, Traballo e Previsión da República apenas tres meses antes do golpe de Estado. Aquel censo retrata unha poboación composta por 1,02 millóns de homes e 1,2 millóns, desequilibrada cara ás provincias atlánticas, pero menos que na actualidade -as provincias da Coruña e Pontevedra teñen actualmente uns 400.000 habitantes máis que hai 80 anos e Lugo e Ourense, cadanseus 100.000 menos, en cifras redondas-.
Máis da metade das mulleres galegas non sabían ler nin escribir a comezos dos anos 30 do século pasado
Pero, por riba de calquera outro, o trazo diferencial a respecto da actualidade que máis destaca entre os avaliados naquel censo é o elevado grao de analfabetismo, un dos maiores problemas que tiveron que afrontar os gobernos republicanos, que basearon as súas políticas educativas en datos coma estes. A análise da poboación galega da época segundo o seu "nivel de instrución" revela que apenas a metade da poboación sabía ler e escribir. Esta cifra elevábase ata o 53% entre a poboación feminina, toda vez que só o 43% das mulleres, cuxo acceso á educación a principios dos anos 30 estaba notablemente restrinxido, declaraban saber ler e escribir. No caso dos homes, o analfabetismo roldaba o 30%.
Galicia é o territorio con máis poboación que viviu a guerra
Aínda que, obviamente, oitenta anos despois son moi poucas as testemuñas vivas do golpe, a guerra e a represión, algo máis dunha décima parte da poboación galega xa vivía naqueles anos. Non en van, tal e como acredita o mapa que acompaña estas liñas, elaborado por Belén Picazo para eldiario.es a partir datos do INE, Galicia é o territorio do Estado cunha maior porcentaxe de poboación que xa vivía en 1936. Destacan especialmente as provincias de Lugo e Ourense, as máis envellecidas, onde en torno ao 15% da poboación actual viviu a Guerra Civil.
En que provincias hai máis persoas que viviron a guerra?