Galicia mobilízase este mércores contra o acordo UE-Turquía polos refuxiados

Imaxe do campo de refuxiados grego CC-BY-NC-ND Fotomovimiento

Tres refuxiados morreron ao intentar cruzar a fronteira cara a Macedonia desde Idomeni (Grecia). Ante este novo capítulo dun drama sen fin, o cumio europeo dos vindeiros 17 e 18 de marzo definirá o principio de acordo alcanzado o pasado 7 de marzo entre a UE e Turquía, segundo o cal todo o refuxiado que chegue ás illas gregas do Exeo será devolto a territorio turco. 

O cumio europeo do 17 e 18 de marzo definirá o principio de acordo alcanzado entre a UE e Turquía

Témense expulsións colectivas, pero a legalidade internacional (Convención de Xenebra, Carta de Dereitos Fundamentais ou o Tratado de Funcionamento da UE, entre outros) impídeo (ou debería). Con todo, España -malia o que puidera parecer nun principio- non vetará o feito de que todo irregular que chegue sexa reenviado a Turquía nin que só se admitan sirios de volta a Europa. 

Ante esta situación, varias concentracións denunciarán en distintas localidades galegas un acordo que as organizacións convocantes consideran "inmoral, vergoñoso e ilegal" e reclamarán unha "pasaxe segura". UGT, CIG, CCOO, CGT, CUT, Foro Galego da Inmigración, Frente Cívica, SOS Racismo e moreas de colectivos máis, ademais dos partidos da oposición en Galicia e candidaturas municipalistas , instan o Goberno español a "non apoiar o devandito acordo" por vulnerar a lexislación internacional e diferentes tratados internacionais. Pero sobre todo porque a UE "trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía" e ratifica "a deterioración do proxecto europeo, cun acordo que traslada a crise dos refuxiados fóra das súas fronteiras".

Os convocantes instan o Goberno central a "non apoior o acordo" ante unha UE "que trata os refuxiados como moeda de cambio"

O acordo previo adoptado o pasado 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia, segundo os convocantes, a "absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra". Ademais de incumprir a legalidade internacional, segundo o manifesto, a UE "elude a súa responsabilidade de dar resposta aos milleiros de refuxiados e refuxiadas que se amorean nas súas fronteiras".  

O principio de acordo con Turquía permite deportar a ese país a todos os inmigrantes económicos e tamén demandantes de asilo que cheguen á UE a través do país a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados asentados en territorio turco. "A UE urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes econó- micos e refuxiados, todos eles considerados "ilegais", advirten os convocantes, que avisan que se expulsarán a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esa vía. 

"A Unión Europea comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros polos custos de xestión e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento, ademais da eliminación do requisito de visado para as cidadás e cidadáns turcos en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE", explican. 

As organizacións convocantes advirten dun Goberno turco que "viola de forma reiterada os dereitos fundamentais"

Pero "obviouse", como lembran, que o Goberno turco de Erdogan "viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresion, ou o exterminio do pobo kurdo". As concentracións denunciarán que se faga dos refuxiados "unha mercadoría para o intercambio económico" e lembrarán que "pagar a Turquia non eliminara o perigo ao que sirios, iraquís e outros pobos estén expostos nos seus propios países".

Este sistema un-por-un (intercambio de refuxiados sirios) supón para as organizacións que apoian as mobilizacións "unha violacion do dereito internacional e dos tratados da UE", polo que Europa "non debería nin tan sequera cosiderar pagarlle a Turquía "para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha perspectiva". 

Os asinantes insisten en pedir á comunidade internacional que invista "tempo e recursos" en restablecer a paz en Oriente Medio e á UE que "traballe para a integración das persoas refuxiados". Así, manifestan o seu "máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus países membros" ante esta crise humanitaria. E reclaman ao Goberno español que inste á "reconsideración do principio de acordo con Turquía" no Consello Europeo que comeza este xoves. 

As cidades e principais vilas acollen concentracións este 16 de marzo ás 20 horas

Mentres, toda a oposición ao PP amosa o seu apoio a estas mobilizacións. Este mesmo luns, todos os grupos parlamenarios agás os popular reclamaron unha sesión urxente para tratar o acordo de deportacións masivas de persoas refuxiadas. A petición foi rexistrada conxuntamente por PSdeG, AGE, BNG e Grupo Mixto, que reclaman tratar o asunto na comisión de Asuntos Europeos. Ademais, diversos deputados amosaron carteis no pleno deste martes contra o pacto entre UE e Turquía. 

As concentracións levaranse a cabo en todas as localidades ás 20 horas, agás en Ourense, que convoca ás 19.30 diante da Subdelegación do Goberno. O resto de mobilizacións serán na Coruña (Obelisco), Ferrol (ante a sede da Xunta na praza de España), Compostela (Toural), Burela (ante o Concello), Viveiro (Concello), Lugo (ante a Subdelegación do Goberno), Vilagarcía (praza de Galicia), Vigo (MARCO) e Pontevedra, onde se celebrará unha manifestación desde a praza da Peregrina ata a Subdelegación do Goberno. No conxunto do Estado tamén haberá mobilizacións. 

Cartel dunha das concentracións en Galicia Dominio Público Praza Pública
A fachada do pazo de María Pita, coa bandeira da UE arriada © Concello da Coruña
Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.