Galicia non pon freo á violencia machista e mantén 380 vítimas cada mes

Acción contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

A violencia machista mantense en Galicia, que non consegue rebaixar as fatídicas estatísticas. No primeiro trimestre deste ano, os xulgados galegos recibiron 1.355 denuncias por violencia de xénero fronte ás 1.295 do mesmo período do ano pasado, un lixeiro aumento do 4,6% que, con todo, mantén as cifras en niveis moi semellantes. O mesmo ocorre co número de mulleres que aparecen como vítimas, aínda que neste caso descende en 18, das 1.156 dos tres primeiros meses de 2015 ás 1.139 deste 2016. Máis dun milleiro cada tres meses, 380 de medio por cada mes. 

O número de denuncias por violencia de xénero (1.355) incrementouse un 4,6% no primeiro trimestre deste ano

Son as principais conclusións que se tiran dos datos feitos públicos este mércores polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero e recollidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Deles conclúese que, de seguir a este ritmo nos seguintes meses, o número de denuncias presentadas en Galicia situarase nun nivel semellante ao de anos anteriores, onde as cifras foron case idénticas: 5.210 en todo o 2015 e 5.209 en todo o 2014. En ambos os dous casos, unha media de 14 ao día; nestes tres primeiros meses de 2016, case 15 por cada xornada. 

Nos que vai do presente ano 2016, unha muller foi asasinada en Becerreá e houbo outro intento de asasinato machista cunha arma de fogo nas Pontes, do que a muller saíu ilesa. Ademais, hai aínda varias investigacións abertas por crimes e mortes que puideran atribuírse tamén á violencia de xénero. Ademais, 2015 foi o ano máis asasinatos machistas en Galicia no que vai de século, con oito mortes

Ademais, a violencia machista entre a mocidade non só se mantén senón que aumenta. As vítimas de violencia de xénero menores de 25 anos con medidas cautelares ou orde de afastamento non deixaron de crecer en Galicia desde o ano 2012, ao pasar das 152 daquela ás 190 de 2015, cun crecemento do 15% só no último ano, e achegándose aos datos de 2011 (202), máximo na estatítica que ofrece o INE a través dun acordo co Ministerio de Xustiza.

Mantense unha media de 15 denuncias por violencia machista ao día en Galicia

Por outra banda, e segundo os datos do Observatorio feitos públicos este mércores tamén polo TSXG, en Galicia diminuíron neste primeiro trimestre os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se nos tres primeiros meses de 2015 optaron por esta opción o 5,7% das mulleres, este ano a porcentaxe reduciuse ao 3,7%.

Con todo, Galicia continúa a ser unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) das máis baixas do Estado, con 8,09 persoas, fronte ao 13,5 do conxunto do Estado. O dato de Galicia tan só é mellorado por La Rioja e Aragón, que baixan do 7, e está moi por baixo de comunidades como as Canarias (22,83) ou Balears (19,49). Con respecto ao ano pasado, a taxa descendeu no país dun 9,25 ao devandito 8,09.

Galicia mantense como unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero das máis baixas: 8 por cada 10.000 mulleres

Ademais, durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 430 ordes de protección nos órganos xudiciais de Galicia, fronte ás 396 do mesmo período do ano pasado. Das 430, 370 (que inclúen tamén as medidas de protección e seguridade das vítimas) foron solicitadas nos xulgados de violencia sobre a muller e outras 60 foron nos xulgados de garda. De xaneiro a marzo deste ano foron axuizadas 141 persoas, e delas o 75% condenadas, fronte ao 67% do ano pasado.

Estes novos datos estatísticos chegan tan só uns días despois de que Europa anunciase que investigará o Estado español por incumprir a protección a vítimas de violencia de xénero. A Eurocámara admitiu a trámite a demanda de dúas asociacións galegas -Agamme e a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo- e solicitou á Comisión que investigue a España por incumprir directivas europeas en canto á atención das vítimas do maltrato machista e infantil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.