García Holgado confirma que a xuíza da querela arxentina visitará as fosas comúns de Galicia

García Holgado, entre Ana Pontón e Ana Miranda CC-BY-SA BNG

Unha das promotoras, xunto ao galego Darío Rivas, da querela arxentina contra o franquismo confirmou este xoves que a idea da maxistrada María Servini de Cubría é acudir a Galicia a visitar as fosas comúns nos que aínda permanecen os restos de centos de asasinados, así como o campo de concentración de Camposancos, cumprindo así a solicitude da Fiscalía do país austral e tal e como adiantara Praza.

Fíxoo nunha nova xornada da súa visita a Galicia, onde este xoves aproveitou para reunirse cunha delegación do BNG. Así, na comparecencia ante os medios de comunicación,  a deputada nacionalista Ana Pontón anunciou a presentación de novas iniciativas contra os crimes do franquismo no Parlamento galego, compromiso que tamén adquiriu a  representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda  para  impulsar  este  debate na Cámara europea.

"En Galicia non houbo guerra, pero si unha represión espectacular", lembra García Holgado

García Holgado lembrou que, malia que "en Galicia non houbo guerra" como tal, si houbo "unha represión espectacultar" e recordou tamén que "en Santiago de Compostela, nunha soa noite levaron 600 persoas" ou que no país eran varios os campos de concentración, como o de Camposancos ou o da Illa de San Simón.

A avogada Inés García Holgado mostrou, segundo o Bloque, a súa satisfacción ante o  traballo realizado polo BNG nas Cámaras onte ten representación e cualificou de “excelentes propostas” as iniciativas nacionalistas neste ámbito. Tras agradecer á formación o seu interese e implicación na denuncia de crimes franquistas así como o  apoio á querela presentada en Arxentina, asegurou manter a “esperanza” e lembrou que a orde ditada pola xustiza arxentina terá efecto no momento en que as persoas imputadas sexan detidas pola Interpol ao traspasar as fronteiras españolas.

O BNG denuncia os "incumprimentos e rebeldía" do Estado ante a xustiza internacional e levará o caso a Europa

Para a parlamentaria do BNG, a situación antidemocrática e de vulneración dos dereitos humanos e incumprimento  das resolucións da ONU, fan urxente “investigar os crimes do franquismo” e que o Estado español non negue o “dereito á verdade e a reparación”. Hoxe, dixo, temos que lamentar que o  Goberno español impida investigar os crimes e mesmo, o  actual ministro de Xustiza se declare “en rebeldía contra a xustiza internacional” ao  denegar as peticións xudiciais arxentinas. Este proceder, recalcou, a nacionalista é  outra mostra  “dun Goberno que non respecta os dereitos fundamentais e ampara os  crimes contra a humanidade”.

Pontón asegurou que o PP en Galicia debe demostrar que está  favor de condenar os crimes do franquismo posibilitando  a súa investigación porque no caso contrario,dixo,  estaríamos ante “unha fraude” e pisoteando os dereitos das vítimas.

A preguntas dos xornalistas sobre a negativa do Goberno central a tramitar a detencións dos 20 imputados, Pontón respondeu que as declaracións do Ministro de Xustiza, Rafael Alcalá encádranse no "Pacto político da Transición” e denunciou os argumentos para non cambiar a Lei de Amnistía de 1977.

Pola súa bada, Ana Miranda lamentou o “incumprimento e rebeldía” do Goberno español á respecto da petición de Arxentina e reclamou a “reparación” da memoria das vítimas. Miranda censurou que en Europa exista un  Estado que non condenou a ditadura e o franquismo polo que reiterou a súa intención de denuncialo en Bruxelas e acusar ao Estado español de incumprir o Dereito Internacional.

García Holgado, entre Ana Pontón e Ana Miranda CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.