Greenpeace suspende a política da Xunta en prevención contra incendios

A Serra do Xurés, en Entrimo © Pedro Armestre / Greenpeace

Greenpeace presentou este martes o informe Protexe o bosque, protexe a túa casa, no que analiza as causas da novo modelo de incendios de alta intensidade que se está a dar nos últimos anos e no que denuncia a falta de plans de prevención, emerxencia e autoprotección contra incendios forestais en España. O grupo ecoloxista analiza as políticas públicas de cada comunidade autónoma, outorgándolles unha cualificación de 1 a 10 na que Galicia suspende cunha nota de 3,2. Greenpeace conclúe que "Galicia suspende en planificación malia ser a comunidade que sofre máis incendios forestais" e destaca que "a planificación de incendios en Galicia é particularmente deficiente en tres áreas: prevención, emerxencia e autoprotección". A entidade salienta ademais que a Xunta, a diferenza da meirande parte dos restantes territorios, non respondeu ás súas peticións de información.

Greenpeace destaca que "a planificación de incendios en Galicia é particularmente deficiente en tres áreas: prevención, emerxencia e autoprotección"

Greenpeace lembra que as queimas son a causa principal de incendios en Galicia e recomenda "unha boa xestión das queimas, ofrecer alternativas ao uso do lume, e previr ao máximo adoptando as recomendacións e prohibicións oportunas". Ademais, suxire "emprender campañas de concienciación no medio rural para entender que unha práctica tradicional require dun tratamento distinto nun medio que evolucionou a unha paisaxe altamente inflamable". A entidade subliña que "o modelo actual de xestión de incendios baseado na extinción non resolve o problema. Céntrase nas causas que orixinan o lume, pero non nas que o propagan".

A entidade salienta ademais que a Xunta, a diferenza da meirande parte dos restantes territorios, non respondeu ás súas peticións de información

"O cambio climático e a evolución nos patróns demográficos provocaron que os incendios forestais xa non sexan unha excepción, senón a tendencia coa que a sociedade debe convivir, asumindo o risco e, por tanto, a responsabilidade de poder mitigalo", sinala Mario Rodríguez, director de Greenpeace España. Pola súa banda, Mónica Parrilla, responsable da campaña de Incendios de Greenpeace, engade que "é necesario que a área noroeste, onde se concentra máis da metade dos incendios do Estado, faga un esforzo para adaptarse e mitigar esta nova vaga de incendios. En zonas susceptibles de sufrir terremotos, por exemplo, hai percepción do risco; con todo, en zonas de risco de incendio forestal insírense vivendas sen que a poboación perciba o perigo e polo tanto se prepare para previr incendios e mitigar os seus impactos".

Finalmente, a entidade acompaña o informe cunha ferramenta interactiva online, unha Calculadora de Risco fronte a incendios forestais, que lle permite a cada persoa autoavaliar o potencial risco da súa vivenda fronte ao lume.

 

Greenpeace outórgalle á Xunta unha cualificación de 3,2 puntos sobre 10 na súa planificación contra o lume © Greenpeace

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.