O eucalipto medra en Galicia en arredor de medio millón de hectáreas e cobre máis do 15% do territorio do país. A controvertida especie xa é a principal protagonista da paisaxe forestal galega, froito dunha política que, por acción ou omisión, facilitou que se espallase en cada vez máis comarcas. Colectivos ecoloxistas, ambientalistas e expertos insisten nos danos contrastados do cultivo de eucaliptos sobre a diversidade da fauna e da flora, sobre os solos, a súa auga, nutrientes e materia orgánica, así como a evidente afectación que supón para o bosque autóctono e mesmo o patrimonio histórico material. Plataformas como Stop eucalipto, avante carballo! piden unha moratoria como a aplicada en Portugal e advirten dun monocultivo que fai proliferar en exceso unha materia prima que podería saturar o mercado e deixar Galicia "inzada de árbores de moi escaso valor".
"Hai que facer algo; ata aquí chegamos e non se pode seguir así", di Pedro Alonso, impulsor da Asemblea de Moaña
Co debate cada vez máis quente, o pasado domingo Moaña acolleu a I Asemblea contra a Eucaliptización, unha xuntanza que reuniu case 20 colectivos e que pretende ser a base para a creación dunha rede galega na procura da posta en valor dos montes, da súa xestión racional e impulso á biodiversidade, así como dunha resposta común contra a implantación masiva do eucalipto no país. "Hai que facer algo; ata aquí chegamos e non se pode seguir así", di Pedro Alonso, biólogo e activista ecoloxista, un dos impulsores do encontro.
Como xurdiu a iniciativa? "Xente que compartimos militancia ecoloxista e aventuras entre fragas e bosque viamos que a expansión do eucalipto ía cada vez máis rápido, non só onde antes había carballeiras, senón tamén en terras agrarias", explica Alonso, que da man de Erva e Luita Verde, impulsou unha asemblea tamén para "poñer na axenda social e política este problema".
"Hai un fervedoiro de xente que está á espera de organizarse para dar unha resposta á eucaliptización"
Case 20 colectivos e unhas 40 persoas estiveron representados nesa primeira xuntanza destinada ao suroeste do país. Foi un éxito, pero a resposta aínda foi máis esperanzadora "a través de comentarios e interacción nas redes sociais". "Hai un fervedoiro de xente que está á espera de organizarse para dar unha resposta á eucaliptización", insiste quen aclara que un dos motivos que o levou a impulsar a asemblea foi "o debate que sempre se crea cando xorde unha nova sobre o tema". "A xente implícase e sempre en contra do eucalipto e a favor dunha xestión e diversificación do monte; hai unha reacción e procuramos organizala", engade.
Os impulsores da primeira asemblea preparan xa unha en Compostela para crear unha rede galega "para abranguer toda a xente e o territorio"
Coa idea de espallar as asembleas por todo o país e crear unha rede galega contra a eucaliptización, os impulsores desta primeira preparan xa o terreo para a próxima na comarca de Compostela. "Isto é compatible con todas as iniciativas e campañas que haxa no mesmo sentido", aclara Alonso, que asegura que a que agora comeza "pretende ser masiva e abranguer toda a xente e todo o territorio". "Queremos que todo estea perfectamente engraxado, que se multipliquen as posibilidades a través das sinerxias e a coordinación", insiste.
"Hai que poñer orde a este espolio das nosas paisaxes"
Con todo, hai obxectivos urxentes. A próxima reforma do Plan Forestal require "instrumentos de ordenación precisos que necesariamente inclúan restricións e planificacións de usos", como concluíu a Asemblea de Moaña. "Débese poñer orde e raciocinio neste espolio das nosas paisaxes, da nosa cultura e que mesmo afecta xacementos arqueolóxicos; temos antigos soutos subsumidos nunha masa eucaliptal e, evidentemente, sufrimos un duro impacto económico", engade.
A Asemblea aposta pola "a necesidade de abordar modelos alternativos de monte que respecten a súa multifuncionalidade". E cales son as alternativas? "Hainas, claro que as hai", di Alonso, que alude aos plantíos de castiñeiros "que poden render só para froito en menos de dez anos e servir tamén para a recollida masiva de fungos". Hai experiencias dabondo das que, segundo insiste, "poderíamos sorprendernos co que renden". Nin que dicir de alternativas silvícolas compaxinadas con pastoreo ou gando. "Pero non se divulgan estas opcións, só se fala do eucalipto e a Administración é a súa principal impulsora", explica. Ademais, advirte, tanto no eucalipto como no piñeiro "cada vez hai maior oferta e menos demanda".
"Os ingresos polos eucaliptos en poucas hectáreas son miserables, un complemento e para nada un modo de vida"
Porque Alonso nega a maior. "Os ingresos que supoñen menos de dúas hectáreas de eucaliptos nitens son miserables, moi pequenos... Son tan só un complemento e nunca un modo de vida", explica quen aclara que moitos dos que defenden esa rendibilidade son "antigos propietarios de terreas agrarias que se reforestaron e que teñen agora uns ingresos extras".
Outra cousa é a imposibilidade que moitos propietarios de pequenas parcelas de monte teñen para optar por alternativas. E pon un exemplo que é o de milleiros: pequenos espazos nun monte, rodeados de eucaliptais e propietarios que pode que non teñan nin disponibilidade para atendelos. "O tamaño medio da propiedade forestal en Galicia anda sobre a media hectárea e iso non che permite facer investimento ningún independente da túa contorna, dos teus lindantes; os propietarios dependen das políticas conxuntas desenvolvidas pola Administración, pero se os deixamos enfrontarse sós á multifragmentación, acabamos con montes de 200 hectáreas a eucaliptos", explica. "Logo, en terreos aptos, o castiñeiro, por exemplo, é unha moi boa opción, pero a Administración non os impulsa", conta.
Alonso vai máis aló da moratoria de Portugal: "Iso non cambiaría o modelo nin retiraría o eucalipto das miles de hectáreas que ten ocupadas"
Alén disto, destaca, está ENCE. "Inflúe moito porque o sistema leva, desde hai décadas, trazando políticas de monte baseadas nas necesidades da empresa; a Administración recnuncia exercer a súa competencia, é ambigua e tacitamente prégase á compañía", di Alonso, que cre que en Galicia aínda habería que ir máis aló dunha moratoria como a que implantou Portugal. "Iso non significaría un cambio de modelo, desde logo, nin a retirada do eucalipto das miles de hectáreas que ten ocupadas, moitas delas ilegalmente".
"A moratoría estaría ben, pero trátase de buscar modelos que, a través dunha ordenación e planificación de uso, devolva a outras alternativas o uso de hectáreas nas que nunca se deberon plantar eucaliptos", remata Alonso, que incide nunha das conclusións da Asemblea do Morrazo: "mudar as políticas con respecto ao monte, de xeito que se dea cobertura ás mudanzas precisas". Agora, o debate irase espallando por todas as comarcas.