Iago, Duarte, Miguel e Enrique José: catro historias da emigración galega

Iago Lestegás CC-BY-SA Praza Pública

“Hai épocas nas que non se che pasa pola cabeza marchar da túa terra ou se o fas, non é por necesidade. Agora a xente xa comeza a marchar para poder conseguir un traballo, ahí está a pena. Volvemos ser unha xeración de emigrantes”. Así o perciben moitos mozos e mozas que non ven outra saída máis que a de marchar de Galicia en busca dun futuro mellor. Mentras algúns marchan coa morriña inseparable, outros ven nisto unha oportunidade para moverse polo mundo e progresar tanto académica como laboralmente.

A emigración converteuse na saída elexida por moitos dos galegos e galegas que non vían solución nun país que supera a o 50% da taxa de paro nos menores de 25 anos. Un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos abandonaron Galicia entre 2002 e 2011. Máis da metade desas emigracións producíronse entre os anos 2007 e 2011, anos nos que comezaba e evolucionaba a crise. No pasado ano 2012 foron outras 25.000 persoas as que decidiron abandonar a terra galega. Os destinos máis solicitados na chamada “emigración exterior” son Sudamérica, onde marcharon máis de 15.000 galegos e galegas entre o 2008 e o 2011 e Europa, onde emigraron case 12.000. Dentro da emigración “interior” destacan os datos do pasado ano 2012, onde segundo o INE máis de 15.000 persoas decidiron abandonar Galicia por outra autonomía. Elixiron Madrid 3.758 galegos e galegas, máis de 2.000 Catalunya e 1.870 as Illas Canarias. Destaca tamén Andalucía, Castela e León e a Comunitade Valenciá a onde emigraron ao redor de 1.000 galegos e galegas por cada comunidade.

Un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos abandoaron Galicia entre 2002 e 2011. No 2012 outras 25.000.

Entre estas cifras atópanse catro mozos galegos que como os demais decidiron deixar a súa terra en busca dun futuro mellor. Son as historias de Enrique José, Duarte, Iago e Miguel. Catro historias entre todas as que quedan por contar.

 

Saída de Galicia

Os motivos polos que saíron de Galicia son dispares pero co mesmo fin, a procura dun futuro mellor

Enrique José López, Kiko, decidiu buscar marchar a Suíza en busca de traballo. Formaba parte dun dos máis de 93.000 fogares galegos con todos os seus membros en paro. “Había que pagar facturas, letras, comida,... era unha situación que non se podía soster”. “Os motivos que me levaron a saír de Galicia son moi claros: a crise. Non tiña un posto de traballo e a situación non tiña pinta de mellorar”.

Duarte Romero recoñece que se lle presentaron tres alternativas: “buscar traballo en Galiza, estudar un máster no Estado Español ou marchar ao estranxeiro”. “O do emprego estaba complicado e ningún máster me gustaba o suficiente como para pagalo polo que a opción que me quedaba era emigrar”. Decidiu marchar a unha tempada a Londres para mellorar o inglés e traballar “en algo básico para logo poder cursar un máster no Reino Unido, isto aumentaría a miña empregabilidade”.

Iago Lestegás repetiu o mesmo camiño que sesenta anos antes fixeran seus avós, emigrar a Arxentina. Remata a carreira en maio do 2012 e o que quería era atopar un traballo no seu eido. “Dado que eu estudara Arquitectura, o horizonte laboral era francamente desacougante en Galiza, cousa que confirmei con algunhas "exploracións" que fixen e con xente que contactei no sector”. “A emigración era a única saída” xa que ademais de non haber ofertas laborais, Iago non se atopaba preparado nin capacitado para montar un negocio propio “non é lugar doado para emprender o noso país, por máis que falen de medidas estrela que acaban quedando en nada e só serven para encher programas electorais fraudulentos”.

Miguel Sabel estudou Deseño Industrial en Galicia, na UdC "ao rematar sabía que precisaba seguir aprendendo e sobre todo ver cousas fora. Grazas aos meus pais tiven a oportunidade de pasar case dous anos en Barcelona entre máster e prácticas". "Cando comecei a buscar un traballo de verdade, despois de meses contestando ofertas e escribindo a empresas decateime de que en Galicia non había nin un so posto para o meu perfil. En pouco tempo apareceron varias oportunidades en Madrid, así que fixen a maleta, metinme na casa dun amigo e dende aquela pasaron outros tres anos"

“Os motivos que me levaron a sair de Galicia son moi claros: a crise. Non tiña un posto de traballo e a situación non tiña pinta de mellorar”

 

O destino

Kiko optou por Suíza (Xenebra) porque sabía que había traballo e porque tiña un lugar onde poder quedar, unha familia coñecida que o acolleu como un fillo máis. Destaca tamén as calidades laborais, o bo nivel de vida e a estabilidade económica “apenas se nota a crise”.  A pesar de que foi sen traballo, sen contrato, agora traballa na construción e afirma estar “moi contento”, “vexo unha saída á situación que tiña en Galicia”.

Duarte pasou preto dun ano traballando de camareiro en Londres e estudando inglés. Escolleu Inglaterra porque era o idioma que máis coñecida e pola súa situación económica e en particular a cidade de Londres “porque me gustaba e porque era un centro económico importante polo que esperaba que non me custara moito atopar traballo”. Agora está en Birmingham, onde foi estudar un master en xornalismo online “merecía a pena porque estaba dirixido por un prestixioso profesor que ademáis traballa en temas como o xornalismo de datos, tema que en España aínda é moi incipiente”. Co máster rematado a súa intención xa é quedar e buscar traballo no Reino Unido, “non creo que en Galiza poida atopar oportunidades que me permitan deselvolverme profesionalmente”.

O primeiro destino de Iago foi Bos Aires, Arxentina. “Unha vez comprendida e interiorizada a necesidade de buscar traballo fóra elexín ir para Sudamérica por razóns persoais: estivera facendo alí o Proxecto Fin de Carreira e fora unha boa experiencia, teño tamén a nacionalidade arxentina, o que me simplifica moito as cousas, e sobre todo porque a miña parella é de alá, un factor moi importante á hora de escoller destino de emigración”. Estivo en Bos Aires ata o pasado mes de xaneiro de 2013, onde tivo varias experiencias laborais que lle permitiron coller experiencia e poder aceptar unha oportunidade laboral en Euskadi, onde está agora. Comenta que a emigración a Euskadi foi aínda máis dolorosa que a arxentina. “Estou en Euskadi porque foi onde atopei traballo desta bando do Atlántico, neste caso non había razóns persoais, simplemente unha oportunidade laboral que considerei que pagaba a pena. Ésta é polo tanto unha emigración máis dolorosa que a anterior, porque aquí non tiña base algunha sobre a que construír unha nova vida, como si tiña en Bos Aires, onde nunca comecei dende cero”.

Miguel comenta que nunca pensou que tería que emigrar, "sempre pensei que sería temporal, pensaba que aí quedaría todo". Ao final leva fora da casa cinco anos cunha emigración interna entre Madrid e Barcelona. 

“Non creo que en Galiza poida atopar oportunidades que me permitan desenvolverme profesionalmente”

 

Obstáculos ou dificultades no proceso da emigración

Kiko resalta o idioma “nunca estudara francés, polo que me custa aínda máis adaptarme, pero tamén é satisfactorio ver os progresos”. Tamén destaca o ritmo de vida: “non creo que se lle poida chamar obstáculo pero é moi diferente, nas primeiras semanas cando estás en pleno proceso de adaptación custa máis pero despois acostumbraste” . Recoñece que con estudos é máis doado atopar traballo, aínda que depende do sector.

“Agora mesmo hai moita información na rede subida por emigrantes que axudan os novos a vir a Inglaterra” afirma Duarte. El comezou unha web chamada Galiza no UK para iso, axuda aos novos emigrantes. “Agora en canto a información teñen as cousas máis fácil, cando eu fun había información tan só en foros e webs pero non era tan abundante”. “Este foi o maior problema que tiven”, recoñece, “era lanzarse á aventura”. A pesar de todo, recoñece que non tivo grandes problemas “non tardei demasiado en atopar traballo e adapteime relativamente rápido ao país”. A maior dificultade para os emigrados a Inglaterra é o idioma “se o teu nivel de inglés non é bo terás dificultades para incorporarte ao mundo laboral”

Iago recoñece que non tivo moitas dificultades “técnicas”, a experiencia de ter viaxado axudoulle a levar mellor a emigración. “Tivera varias experiencias no estranxeiro anteriormente, en Noruega de Erasmus, na Arxentina e estudei lonxe da casa, en Madrid. Xa estaba afeito a unha certa autonomía e non resultou difícil atopar de novo o camiño”. Recoñece que a integración na sociedade arxentina foi doada e “unha experiencia persoal moi positiva” a onde non lle importaría voltar nun futuro. Recomenda aos futuros emigrados escoller América Latina “para quen queira buscar fóra o aire que non nos deixan respirar aquí”. “Son lugares fascinantes, con moito potencial e moi atractivos para os mozos. Son países con espírito mozo e por iso son perfectos para os mais novos”. Polo contrario, a integración na sociedade vasca estalle a resultar máis difícil “no plano persoal non estou tan contento como o estaba na Arxentina. A distancia xeográfica e a facilidade de integración non son necesariamente directamente proporcionais”.

Iago recomenda aos futuros emigrados escoller América Latina “para quen queira buscar fóra o aire que non nos deixan respirar aquí”

Para Miguel as dificultades non foron nos inicios: "Co tempo foron aparecendo a morriña, a sensación de non estar cando hai que estar na casa e o sentir que non estás facendo nada por mellorar a situación de Galicia". Para el foi importante os amigos na súa mesma situación en Barcelona como en Madrid.  

Iago Lestegás CC-BY-SA Praza Pública
Enrique José López CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.