Máis de 160 persoeiros da cultura galega apoian as Marchas da Dignidade do 22M

Marcha da Dignidade na Coruña CC-BY Plataforma galega pola Marcha da Dignidade

Máis de 160 persoeiros galegos do mundo da cultura veñen de asinar un manifesto en apoio das Marcha galega da Dignidade que confluirá en Madrid coas distintas Marchas que chegarán de diversos puntos do Estado o vindeiro 22 de marzo a Madrid en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español".

Nucleada a iniciativa no país arredor da Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade -e impulsada polos sindicatos CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, SLG e STEG- as manifestacións foron tamén apoiadas por formacións como Anova, Esquerda Unida ou a FPG e colectivos como o Frente Cívico ou Stop Desafiuzamentos.

O manifesto defende as Marchas "pola dignidade do pobo traballador e contra o capital que destrúe"

Agora, son varios homes e mulleres do mundo da cultura os que apoian estas Marchas cun manifesto no que aseguran que "cómpre pórse en marcha pola dignidade". "Pola dignidade do pobo traballador e contra o capital, contra o capital que destrúe. Que nos destrúe as conquistas centenarias e gañadas a ferro e sangue", di o texto, no que se alude á destrución da sanidade, a educación, os servizos sociais, a vivenda ou a cultura e na que se reivindica esta última como "a arma" e "o pensamento" como "o noso capital". "O noso capital é marchar. É ir de fronte contra os poderes políticos, económicos, visibles e invisibles, que o queren comer todo. Voraces, eles. Eles son a reforma laboral, a corrupción, os desafiuzamentos e mailo paro. No paro había que pór o FMI, a UE, o BCE e todas as iglas e acrósticos da desigualdade e da inxustiza", din.

"O noso capital é marchar. É ir de fronte contra os poderes políticos, económicos, visibles e invisibles, que o queren comer todo"

"Nós somos o pobo e a maioría. Nós somos a columna galega en marcha e loita, o único camiño. Camiño e cultura, si. A arma, o pensamento, o noso capital. O noso capital é marchar", remata un manifesto asinado, entre outros, polos escritores Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz, Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Xabier P. Docampo, Xabier Cordal, Rexina R. Vega, Antón Dobao, Lucía Aldao ou Anxo Angueira. Entre os firmantes, tamén xornalitas, actores e actrices, músicos ou artistas.

Entre os convocantes das Marchas da Dignidade do 22M a nivel estatal tamén están Izquierda Anticapitalista, Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M, o SAT andaluz, as CUP ou Endavant.

Marcha da Dignidade en Vigo CC-BY CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.