Este xoves deuse a coñecer o contido do manifesto de Galegas8M para este 8 de marzo, e que será lido ao remate da manifestación convocada este domingo en Lugo. O texto, titulado 'Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista', lema da convocatoria, e comeza salientando que "hoxe é unha xornada de loita, unha mostra da nosa forza e determinación para conquistarmos un futuro digno para todas. Porque todas temos voz e todas somos necesarias! Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga".
O manifesto demanda "un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas"
O manifesto debulla algunhas das demandas que o movemento feminista pon enriba da mesa e que motivan a convocatoria da folga do 8M. Esixe, por exemplo, "un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas, e que esté dotado de recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e eficaces".
E reclama, igualmente, que "os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados".
O texto reclama "orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados"
Igualmente, demanda, "unha reforma laboral con perspectiva social e de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza". "Porque as dobres xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo", engade o texto.
O documento incide tamén no ensino igualitario e no consumo sustentable e lembra a situación de que viven colectivos coma o das mulleres migradas, as mulleres xitanas, as mulleres con diversidade funcional ou as mulleres non heterosexuais.
Esixe erradicar a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero e o teito de cristal
"Seguiremos revoltándonos polas nosas vidas e polos nosos dereitos, até que todas sexamos libres", conclúe o manifesto, que fai unha especial mención a aquelas mulleres "que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar".
