O 8M galego comezará en Lugo. A cidade das murallas será este domingo o escenario da manifestación nacional do feminismo galego, cinco días antes da folga xeral de mulleres convocada para o 8 de marzo. A marcha será encabezada por unha faixa co lema 'Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista'.
A marcha, co lema 'Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista', partirá ás 12 horas da Porta Falsa e rematará na Praza da Horta do Seminario
A mobilización partirá ás 12 horas da Porta Falsa, pasando pola Ronda da Muralla ata a rúa Montevideo e percorrendo o centro histórico da cidade (Praza de Santo Domingo, Rúa do Teatro) ata saír de novo á Ronda da Muralla para rematar na Praza Horta do Seminario. Alí lerase un manifesto e comezará unha gran celebración, con concertos e un xantar colectivo.
A marcha pode servir de termómetro para medir a mobilización feminista do 8 de marzo e unha ampla participación serviría para amplificar a convocatoria do 8M, ao igual que sucedeu o pasado ano coa masiva manifestación que tivo lugar en Vigo uns días antes da folga.
O movemento feminista galego leva meses preparando esta mobilización e xa están confirmadas unha vintena de rutas de autobús que levarán manifestantes de toda Galicia ata Lugo. A Coruña, A Estrada, A Mariña (Viveiro, Burela e Ribadeo), Betanzos, Chantada, Ferrol (pasadon por Narón, San Sadurniño e As Pontes), Lalín, Monforte, Ortigueira, Ourense-Allariz, Ribeira (con parada na Pobra e Boiro), Santiago de Compostela, Pontevedra, Vedra (con parada en Boqueixón, Touro e Arzúa), Vigo, Vilagarcía e Vilalba son os lugares de saída. Toda a información pódese consultar na web de Galegas8M.
Está xa decidido que a manifestación irá encabezada por un bloque non mixto no que se incluirán organizacións feministas e mulleres individuais que forman parte de Galegas8m. Despois camiñará outro bloque formado por outras organizacións feministas non mixtas e mulleres individuais. E, en terceiro lugar, marchará o bloque mixto, no que irán os homes e mulleres que o desexen.
A manifestación irá encabezada por un bloque non mixto no que se incluirán organizacións feministas e mulleres individuais que forman parte de Galegas8m
Haberá tamén, aos lados da manifestación, un carril lento reservado a persoas con carriños de crianzas, cadeiras de rodas ou bastóns. E, igualmente, haberá un grupo de mulleres que se encargará da orde na manifestación, identificadas con brazaletes lilás.
Dende a organización tamén se lles recorda aos homes que acudan á manifestación que deben facelo "no papel de aliados, non de protagonistas" e que polo tanto non deben ir nas faixas ou portar altofalantes. "Que os homes tentedes liderar e ser protagonistas nunha folga de mulleres é outro modo de violencia que imos rexeitar; o voso papel é secundario e ten que ser asumido sen estridencias", sinalan.
A manifestación de Lugo foi presentada este venres en roldas de prensa celebradas en varias cidades, nas que se adiantaron informacións sobre como se vai desenvolver a folga e as mobilizacións do 8 de marzo en cada lugar. Na Coruña, por exemplo, haberá unha manifestación unitaria que partirá ás 19.30 horas do Obelisco e que rematará na Praza das Cigarreiras, despois de pasar por San Andrés, Praza de Pontevedra, Praza de Lugo e Praza de Ourense. De igual xeito, en Vigo a manifestación partirá da Praza dos Cabalos (Praza de España) ás 20 horas.
Nos últimos días véñense tamén publicando e difundindo varios vídeos, ilustracións e e outros materiais que chaman á participación na folga do 8 de marzo, segundo a campaña impulsada por galegas8m, que recomenda empregar as etiquetas #3MVouALugo e #8MFagoFolga.
Entre as creacións máis rechamantes está sen dúbida esta adaptación do Verdegaio gravada polas integrantes de Tamborililás - Batukada Feminista. O retrouso de "Vai ti, vou eu, vai ela, pra racha-lo sistema. Vai ti, vou eu, vai ela, polas que xa non berran" de seguro que pode ser un dos máis cantados o domingo 3 en Lugo e o venres 8 en todo o país. O mesmo que o "Contra o patriarcado temos que loitar, xuntas as mulleres imos arrasar. Iste 8 de marzo non vaias currar, coa greve feminista o mundo vai parar".