Este sábado día 30 o Auditorio de Galicia acolle a Festa do Apego, desde as doce do mediodía ata as sete da tarde. Será “un día de actividades variadas (música, contos, danza, obradoiros, charlas e espazos de entretemento) para familias que desexen socializar os seus cativos e cativas en galego”, salienta o Concello de Santiago.
Entre outras actividades desta festa [ver programa neste enlace ou na imaxe adxunta] estarán Cé Home Orquestra, que presentará o seu espectáculo para bebés e familias Fíos do querer. O artista fará dous pases, ás doce do mediodía e ás cinco da tarde. Tamén estará Pablo Díaz (13:00 e 18:00 horas), que fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor.
Ás doce do mediodía poderemos gozar das historias de Andrea Bayer, coa sesión Tres pilistrinas, tres pilistrolas, o que non come non ten barrigola. Unha hora despois, ás 13:00 horas, será a vez de Fabaloba, coa montaxe Un bico para Alí. Alfombra máxica, de Mirari Urruzola, constituirá un lugar para que os bebés descubran o pracer de apalpar, escoitar, ver e mesmo saborear. "Tamén haberá instalados espazos de piscomotricidade, xogo libre e biblioteca, así como un xantar con Apego e prezos populares no bar para quen se anime a botar o día festeando", din desde o Concello.