"México enriqueceuse moito coa chegada dos exiliados republicanos"

Sonia Subirats, no centro © www.infojonquera.cat

Sonia Subirats, filla de exiliados e na actualidade profesora en Catalunya, participou este venres na Coruña nunha homenaxe (realizada de forma simultánea en Veracruz) ao barco Sinaia que hai 75 anos levou 1.600 exiliados españois a México, 28 deles galegos. Os actos foron organizados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) e incluíron a intervención de Alberto Fortes (Arquitectos sen Fronteiras) en representación da mocidade galega, que denunciu o actual exilio económico. Ademais, a través de videoconferencia as palabras de Subirats tamén se seguiron dende Veracruz; e, de igual xeito, na Coruña puideron verse os actos que alí se organizaron e que incluían a intervención de Carmen Tagüeña Parga, nacida na Coruña, filla do xeneral republicano Manuel Tagüeña, e que viaxou no Sinaia.

O Sinaia chegou a México o 13 de xuño de 1939, 19 días despois de partir de Francia. Nel viaxaban 1.600 exiliados e exiliadas, entre eles un bo número de republicanos galegos, entre eles Lorenzo Varela (homenaxeado no Día das Letras de 2005), o fotógrafo Francisco Souza Fernández, o arquitecto José Caridad Mateo, o historiador Ramón Iglesias Parga, ou o filósofo Adolfo Sánchez Vázquez. Falamos con Sonia Subirats, que dende hai anos vén desenvolvendo unha intensa actividade para recuperar a memoria das persoas que se tiveron que exiliar tras o triunfo do fascismo na guerra civil.

"Carlos Fuentes dicía que grazas ao exilio mudara a idea que se tiña en México de que os españois só ían a América para enriquecerse"

Nos últimos anos avanzouse na investigación e no recoñecemento destas persoas e deste fenómeno. É suficiente ou aínda quedan moitos aspectos e historias persoas que revelar?

Aínda hai moito por estudar, porque moitas das vítimas, moitas das persoas que foron represaliadas e reprimidas, teñen aínda medo e nunca quixeron falar sobre o tema. E todas esas persoas teñen moito que dicir e moito que contar.

"O labor de Cárdenas foi moi importante: abriu escolas para os fillos dos exiliados, dándolles traballo ademais aos profesores republicanos exiliados, tamén lles deu entrada nas universidades aos catedráticos"

En 1939 foron milleiros as persoas que tiveron que abandonar España, en moitos casos homes e mulleres que eran moi destacados nos seus campos. Significou isto unha perda colectiva, da que o país tardou décadas en se recuperar? 

Si, dende logo, pero se o miramos dende a outra banda, México enriqueceuse moito coa chegada desas persoas, dos exiliados republicanos. A México chegaron moitísimas persoas moi importantes nos seus campos, líderes políticos, médicos, historiadores, xeógrafos, mestres..., e moitos outros sen oficio pero tan válidos coma os primeiros. Carlos Fuentes dicía que grazas ao exilio mudara a idea que se tiña en México de que os españois só ían a América para enriquecerse.

Como foi a recepción por parte da sociedade mexicana?

A xente sabía que ían chegar esta persoas, e aprobaban o recibimento, porque o goberno de Lázaro Cárdenas fixera nese aspecto moita propaganda para dicir que ían chegar os exiliados españois a México, e para que os cidadáns o apoiasen. Por suposto, había unha parte da sociedade que o criticaba, que estaba en contra, porque pensaban que esta xente, coma noutras migracións, lles ían quitar o traballo. O labor de Cárdenas foi moi importante: abriu escolas para os fillos dos exiliados, dándolles traballo ademais aos profesores republicanos exiliados, tamén lles deu entrada nas universidades aos catedráticos.

E como era o sentimento xeral nos exiliados e exiliadas?

Aínda que este exilio fose moi benévolo, iso non eliminaba a dor de estar fóra da túa terra, e de estalo ademais por defender unha causa que fora derrotada. Sempre pensei que a adaptación foi máis doada para os homes, porque traballaban; en cambio, moitas mulleres quedaban na casa.

"Aínda que este exilio fose moi benévolo, iso non eliminaba a dor de estar fóra da túa terra, e de estalo ademais por defender unha causa que fora derrotada"

Pensaban que ía ser permanente, ou confiaban na derrota de Franco, sobre todo en 1945?

Nos primeiros anos creo que todos pensaban que o exilio sería temporal, que Franco caería nun momento ou noutro, pero pouco a pouco, despois de 1945, comezou a esvaecerse esta posibilidade. Houbo de todo: houbo quen regresou antes de 1975, sobre todo os que deixaran a familia en España, e tamén houbo quen non se adaptou a vivir en México. E houbo moitos outros que de ningún xeito querían volver até que morrese o ditador, e destes a maior parte quedou a vivir en México.

Consideras importante que se realice este acto, de xeito simultáneo, en México e Galicia?

Alégrame moito que se faga esta homenaxe na Coruña. En España nas últimas décadas non houbo moitos actos de homenaxe ou de información sobre os barcos que chegaron a México. E en cambio en México actos coma os deste venres, polo aniversario do Sinaia, fanse todos os anos. Ti pensa que o goberno mexicano nunca chegou a recoñecer o goberno franquista, alí instalouse o goberno republicano no exilio, e todos os anos se seguen facendo actos de homenaxe á República.

 

Listaxe de pasaxeiros nacidos en Galicia

Alvarez Collazo, Rafael (Lavadores, Pontevedra)
AncaHermida, José (San Sadurniño, A Coruña)
Caridad Mateo, Carlos (A Coruña)
Caridad Mateo, José (Betanzos, A Coruña)
Caridad Mateo, Rogelio (Quiroga, Lugo)
Caridad Mateo, Vicente (A Coruña)
Condes Romero, Miguel (Vigo, Pontevedra)
Ferrer Ovide, Inocencio (Vilamartin, Ourense)
García Moreno, Juan (Santiago, A Coruña)
Gil Otero, Antonio (Ferrol, A Coruña)
Hermo Pérez, José (PoboaCaramiñal, A Coruña)
Iglesias Parga, Ramón (Santiago, A Coruña)
Jurado Romero, Sabino (Pontevedra)
Novo Romeo, Argentino (Ferrol, A Coruña)
López Bello, Heriberto (Ourense)
Losada Rodríguez, Ramiro (Rubián, Ourense)
Maside González, Ramón (Ourense)
Menendez Conde-García, Eugenio (Tui, Pontevedra)
Moyron Arias, Modesto (Valdeorras, Ourense)
Otero Vidarte, Francisco (Vilanova de Lourenzá, Lugo)
Rivero Mira, Jacinto (Ourense)
Rodriguez Rodríguez, Vicente (Monforte, Lugo)
Román Paz, Marcelino (Xermade, Lugo)
Salzman Ménendez, Alfredo (Monforte, Lugo)
Sousa Hermida, Manuel (Pontecaldelas, Pontevedra)
Souza Fernández, Francisco (A Coruña)
Testa Ventasela, Quintín (Ourense)
Valencia Fernández, Antonio (Ourense)

Recibimento do Sinaia en Veracruz © www.bicentenario.gob.mx
Sonia Subirats, no centro © www.infojonquera.cat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.