Milleiros de persoas berraron 'Lumes Nunca Máis' e demandaron un rural vivo

A Praza da Quintana berrou outra vez "Nunca Máis" © Ana Moreiras

Milleiros de persoas (15.000 segundo os colectivos organizadores) ateigaron as rúas de Compostela ao berro de "Lumes Nunca Máis". A marcha, convocada inicialmente para protestar contra a denominada Lei de Depredación (Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais), acabou por converterse na mesma medida nunha manifestación contra os incendios forestais e as causas que os provocan e favorecen a súa extensión, esixindo "responsabilidades políticas pola nefasta xestión na vaga de lumes". Non é só unha coincidencia temporal. A denuncia dos efectos da norma aprobada esta semana no Parlamento galego e o berro de Lumes Nunca Máis apuntan en boa medida na mesma dirección: o abandono da zona rural e das actividades agrarias e gandeiras en beneficio das actividades extractivas -minaría, xeración eléctrica, madeira- favorecidas por esta lei.

A Praza da Quintana encheuse por completo con manifestantes chegados de toda Galicia. Varias das faixas sinalaban, ademais, distintas problemáticas medioambientais, dende o proxecto de Porto Cabral en Vigo, á mina que pode instalarse en Touro, pasando pola defensa da Ría de Pontevedra e a denuncia da actividade de ENCE. Os incendios forestais e a súa denuncia acabaron por facerse protagonistas da marcha, apenas uns días despois dos lumes que arrasaron máis de 35 mil hectáreas e que acabaron coa vida de catro persoas. A multitude gardou un solemne minuto de silencio polas catro vítimas mortais, no chan da praza depositáronse cinzas dalgúns dos espazos que foron máis afectados polo lume e os bombeiros forestais presentes na manifestación -vestidos cos seus traxes de protección- foron os máis aplaudidos pola xente.

“Lumes Nunca Máis”, "Feijoo dimisión” ou "Con este Goberno imos ao inferno" foron algúns dos berros máis repetidos nunha marcha que responsabilizou o Goberno galego dunha xestión negativa do territorio e de erros na política de defensa e extinción dos incendios forestais. As esixencias de dimisións centráronse, ademais de no presidente da Xunta, na conselleira de Medio Rural e do Mar, Ángeles Vázquez Mejuto e máis do Secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto. Houbo tamén críticas á dirección da TVG "pola deficiente cobertura e lentitude á hora de reaccionar na tarde do domingo 15, cando xa se coñecía a gravidade dos feitos e aínda a morte de persoas", en palabras do Comité de Defensa do Monte Galego.

A lectura do manifesto correo a cargo de Quico Cadaval e máis de Isabel Risco que lembraron a necesidade dunha política forestal planificada que axude a dinamizar o mundo rural. A mobilización deste domingo dáballe continuidade ás masivas concentracións que tiveron lugar o pasado luns pola noite, e que reuniron decenas milleiros de persoas nunha trintena de cidades e vilas galegas.

 

Contra a a Lei de Depredación

A multitude gardou un solemne minuto de silencio polas catro vítimas mortais, no chan da praza depositáronse cinzas dalgúns dos espazos máis afectados polo lume e os bombeiros forestais -vestidos cos seus traxes de protección- foron os máis aplaudidos pola xente

A manifestación, que partiu ás 12 horas dende a Alameda, foi convocada conxuntamente polo Comité de Defensa do Monte Galego e pola Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza, formada por A Ría non se Vende, Adega, CIG, Comisión contra as Minas na Terra Chá, Comunidade de Montes de Cabral, contraMINAcción, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada, entre outras entidades. A Plataforma acordou unir ao lema inicial da marcha o  de Lumes Nunca Máis, "xa esta lei favorece, entre outras cuestións, a política forestal pirófita do PP”, sinalaron.

A Lei de Depredación simplifica os trámites administrativos de supervisión ambiental e patrimonial para diferentes proxectos empresariais, nomeadamente no ámbito da minaría, da instalación de xeradores eólicos e na explotación forestal do monte, mudando as normas (Lei de Montes, Lei de Minaría, Lei de Aproveitamento Eólico...) que rexen estes sectores. Ademais, reduce a capacidade dos concellos para decidir ante grandes proxectos empresariais (que se poden beneficiar de declaracións de supramunicipalidade) e facilita a expropiación de terras en beneficio destas actividades.

É criticada non só polos seus efectos concretos, senón tamén pola forma en que foi aprobada: presentada no verán, tramitada por vía de urxencia e evitando pasar polos informes fiscalizadores que habitualmente deben modular as iniciativas impulsadas polo Goberno. Ademais, sublíñase a modificación de importantes normas a través dunha lei-autobús complexa e abstracta na súa formulación, que busca evitar o debate público e a protesta social que terían provocado estes cambios concretos nas leis de minaría, de montes ou na lexislación eólica. Denúnciase, finalmente, que o PP oculte os obxectivos da lei baixo un disfrace de "fomento da actividade económica" e de xeración de emprego, procurando supostamente mellorar a competitividade de Galicia co norte de Portugal; unha mellor capacidade de competir que chega unicamente a través da relaxación dos controis públicos.

"Eucaliptos, parques eólicos ou extraccións mineiras estanse a expandir de maneira indiscriminada e coa complicidade da Xunta en detrimento da produción de alimentos", denuncia o SLG

"Levamos moitos anos vendo como actividades industriais están a usurpar impunemente o seu territorio ás actividades agropecuarias: eucaliptos, parques eólicos ou extraccións mineiras estanse a expandir de maneira indiscriminada e coa complicidade da Xunta en detrimento da produción de alimentos e da base territorial das nosas granxas", denunciou esta semana o Sindicato Labrego Galego, que alerou das crecentes dificultades que os produtores agrogandeiros atopan "para facer rendible a súa actividade por non poder acceder a máis terra ou por ver as súas producións mermadas polo impacto destas actividades industriais". "Se até agora, coas ferramentas legais que tiñamos, a agricultura e a gandería estaban a ser asediadas por estas actividades industriais, coa Lei de Depredación de Galiza a cousa irá a peor, pois nos rouban moitas desas ferramentas legais coas que contabamos", alertan.

 

Reaccións

O PP apresurouse a descualificar a manifestación, da que dixo que non se trataba dunha "manifestación ecoloxista, senón dunha manifestación nacionalista". Miguel Tellado afirmou que "son os mesmos que cando aínda estaba activa a vaga de incendios estaban xa imprimindo pancartas, porque o que pretendían era unha utilización política y partidista do que pasou".

Na Quintana foron depositadas as cinsas de varios dos espazos queimados nos últimos días © Comité de Defensa do Monte Galego
Os bombeiros forestais foron moi aplaudidos CC-BY-SA Galiza Contrainfo
A manifestación, na Praza da Quintana CC-BY-SA Galiza Contrainfo
A marcha denunciou os efectos da norma aprobada esta semana no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.