Milleiros de tractores toman Compostela contra a "ruína" do sector lácteo

Unha muller e a súa filla aplauden ao paso da tractorada CC-BY-SA Praza Pública

"Nós muximos as vacas, a industria múxenos a nós". A mensaxe, escrita nunha saba e pendurada dun enorme remolque, percorre  Compostela dende este mediodía. O remolque leva axustados uns pequenos altofalantes desde os que se escoitan mensaxes como "leite tirado, gandeiro arruinado". Malia ás súas grandes dimensións, fica pequeno entre a multitude de vehículos agrícolas que xa toman a capital galega para tentar salvar ao sector lácteo da "ruína".

Son xa ao redor de 2.000 os tractores que se deron cita no inicio da primeira xornada dunha mobilización gandeira que continuará de xeito ininterrompido ata o vindeiro xoves. Mentres uns 300 vehículos aínda reivindican a "dignidade" do sector ao redor da Muralla de Lugo, a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo espera a chegada de ata 5.000 ás rúas compostelás nunha mobilización que esperan que sexa histórica, "a meirande en 30 anos".

Comarcas e concellos que viven esencialmente do sector lácteo como Mazaricos, Arzúa, Santa Comba ou Silleda enviaron os seus tractores a Santiago cadrando coa celebración en Bruxelas do consello de ministros de Agricultura da Unión Europea, onde os gobernos do continente teñen na súa man atallar ou non a crise do sector. A pé de rúa os gandeiros explican que non piden máis que un "prezo mínimo" que garanta que non venderán máis por baixo do prezo de custo. "Antes cobrabamos por litro de leite, agora pagamos", explicaba un grupo de gandeiros antes de iniciar a marcha.

Representantes de formacións políticas da oposición parlamentaria galega como o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, ou o coordinador de Anova, Antón Sánchez, acompañaron aos gandeiros no inicio da marcha e aproveitaron para esixir unha actuación inmediata do Goberno de España, pero tamén da Xunta a través dun plan de "medidas urxentes". Mentres, desde a plataforma convocante da manifestación anticípanse as "desculpas" á veciñanza de Santiago polas molestias que a tractorada poida ocasionar.

"Antes cobrabamos por litro de leite, agora pagamos"

Dende o inicio a protesta estivo tamén apoiada polos representantes dos principais sindicatos agrogandeiros. "A inmensa maioría dos gandeiros galegos están hoxe na rúa pedindo unha solución urxente", di Roberto García, de Unións Agrarias, que en conversa con Praza ilustra a magnitude da mobilización ao explicar que, cando xa pasaran máis de tres horas dende o inicio da tractorada, "non chegamos a poder ver todos os tractores xuntos". A resposta do sector é "moi positiva" pero non así a da Xunta, lamenta García, en cuxa opinión "se alguén tería que liderar a presión" sobre as autoridades estatais e europeas e sobre a industria e a distribución "é o presidente do Goberno galego", que opta "por un perfil baixo".

"O presidente do Goberno galego debería liderar a presión"

Tamén a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, dende a propia tractorada, ratifica que a mobilización está a ser "absolutamente masiva". O sector, advirte, está disposto a "seguir na rúa e onde faga falta ata que haxa unha solución", porque a necesidade de que "haxa unha revalorización do leite en orixe é vital" O SLG, subliña Isabel Vilalba, esixe prezos mínimos pero tamén que as autoridades europeas regulen o mercado para "evitar excedentes" no canto de apelar a supostas "saídas ao mercado internacional" que, di, só logran "que teñan negocio un número moi reducido de exportadores" como Nestlé, Lactalis ou Danone, con prezos que "levan ao desastre a moitas comarcas galegas".

"Pretendemos unha resposta unánime"

Nas rúas de Santiago ferve a indignación polos baixos prezos do leite pero tamén está latente o debate a respecto da representatividade das organizacións agrarias e gandeiras e mais as acusacións de "división" do sector que transcenderon nos últimos días. Neste sentido, o secretario xeral de Unións Agrarias explica que "dende o primeiro momento" as organizacións sindicais "renunciamos ao protagonismo" e integráronse na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo para procurar "unha resposta unánime". "Sorprende que alguén, sen reivindicacións diferentes, poida formular unha alternativa distinta" no canto de "ir todos a unha", di Roberto García. 

"Certo colectivo está tentando fomentar a división no sector"

Neste sentido, tamén a secretaria xeral do SLG se amosa convencida de que "a maioría o que queremos é o mesmo, vivir dignamente do noso traballo" e por iso amosa "máximo respecto para a xente ganderia que se está a mobilizar en Santiago e Lugo". Non obstante, Isabel Vilalba aprecia a existencia dun "certo colectivo que está tentando fomentar a división" cando "debemos seguir estando unidos" e non "mercarlle o discurso á conselleira", chegando a "dicir que a culpa non a teñen as medidas políticas, senón o sector". Non obstante, Vilalba enmarca tamén estas posibles tensións nun contexto de "desesperación" de xente que "se mobiliza masivamente" e non ve que "cheguen solucións".

Primeiro tractor da marcha, chegado de Mazaricos CC-BY-SA Praza Pública
Mensaxes na protesta CC-BY-SA Praza Pública
Os tractores na avenida de Romero Donallo, no sur da cidade CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.