Milleiros en Compostela contra os recortes dos servizos públicos

Cabeceira da manifestación Dominio Público @CIG

Varios milleiros de persoas manifestáronse este sábado en Compostela en defensa dos servizos públicos e contra os recortes e axustes levados a cabo polas administracións. A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, onde se inclúen unha morea de sindicatos como CIG, CCOO, UGT ou CSIF, entre outros, foi a convocante dunha marcha que concentrou unha morea de persoas malia a calor e o día soleado co que amenceu a capital galega.

"Chámanlle democracia e non o é" ou "a culpa de quen é? Do Goberno do PP!" foron algúns dos lemas máis coreados nunha marcha que ateigou as rúas principais de Santiago desde as 11.30, hora na que saía da Alameda compostelá e baixo un lema claro: “Na defensa dos servizos públicos. Non ao recorte dos nosos dereitos". A concentración coincidía en espazo e tempo coa proclamación de Alberto Núñez Feijóo como candidato do PP á Xunta de Galicia.

Segundo os sindicatos, unhas 10.000 persoas participaron na manifestación, na que se puido ver o candidato do BNG á Xunta, Francisco Jorquera, ademais do candidato do PSdeG, Pachi Vázquez.

"A Xunta está a criminalizar os empregados públicos", quéixanse os sindicatos

"É escandaloso como a Xunta está a facer ofertas a empresas privadas para a xestión de servizos que ten que facer o Executivo autonómico directametne", denuncia a coordinadora da área pública da CIG, Carmen López, que asegurou que todo o mundo sabe a situación de "precariedade" na que se atopan os servizos "sociais de saúde e de educación".  O seu homólogo de CCOO, Ramiro Otero, rexeitou os recortes "encabezados por Núñez Feijóo" e censurou a "criminalización dos empregados públicos". "Estas políticas axudan a que, cantas máis crise haxa, máis posibilidades teña Rajoy de poñerse aos pés de Merkel", engadiu. Para o representante da área pública de UGT, José Manuel Vázquez, "en oito meses, o Goberno terminou coa arquitectura do dereito laboral xurdida da transición española e que fixo posible no seu momento a Constitución".

A marcha rematou no edifico administrativo de San Caetano, onde se leu un comunicado en nome da Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos e no que se pediu o "freo" aos recortes levados a cabo pola Xunta de Galicia.

Cabeceira da manifestación Dominio Público @CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.