Mobilidade sostible, autoconsumo eléctrico e un novo modelo de xestión de residuos, claves do ecoloxismo galego para o 28M

Placa fotovoltaica instalada en Tameiga (Mos) © Ecoloxistas en Acción

As entidades asinantes destacan que nas dez cuestións escollidas as actuais competencias municipais outorgan "moita marxe de acción para a mellora en termos de sustentabilidade"

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) presentou a pasada semana un decálogo de propostas dirixido ás formacións políticas que concorren ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Estas "propostas de cambio na xestión pública cara un modelo máis ecolóxico e sustentábel" buscan dar unha resposta dende o ámbito local á actual crise ambiental global, marcada polos efectos do cambio climático, o esgotamento dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais.

Entre as propostas da FEG están a redución do consumo de enerxía; a aposta por un modelo de mobilidade centrado nas persoas; unha política de ordenación do territorio que limite o crecemento urbanístico e defenda a costa; a regulación das actividades extractivas; a aposta por un mundo rural vivo promovendo a soberanía alimentaria; o freo á perda de biodiversidade e recuperar os montes e unha nova cultura da auga. 

O decálogo aposta por un mundo rural vivo promovendo a soberanía alimentaria CC-BY-SA Anthony Desruelles

Apóstase por "promover sistemas de autoconsumo con fontes renovábeis nas instalacións municipais e incentivar este no ámbito doméstico, potenciando a figura das comunidades enerxéticas"

Tamén se aposta por abandonar o modelo de incineración de residuos e o vertedoiro, promover a redución, a reutilización e a compostaxe; por facilitar coñecementos aplicando a educación ambiental; e por impulsar unha contratación e compra pública verde.

A Federación, composta por ADEGA, Verdegaia, Asemblea do Suído, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación Cultural Papaventos, Asociación de Custodia do Territorio de Carral (BREXA), Asociación para a Defensa da Ría (APDR), Asociación para a Defensa da Natureza do Condado (ADENCO), Asociación Néboa Medio Ambiente, Asociación Vaipolorío, Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), Fundación Montescola, Grupo Naturalista Hábitat e Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) destaca que nas dez cuestións escollidas as actuais competencias municipais outorgan "moita marxe de acción para a mellora en termos de sustentabilidade".

Redución do consumo enerxético

En canto ao desenvolvemento da enerxía eólica, apóstase pola "socialización e o cooperativismo local", cunha "revisión" dos proxectos de macroeólicos que atinxan ao concello

Un dos grandes obxectivos é reducir o consumo de enerxía, "especialmente nos cinco eidos con competencia municipal e maior marxe de redución": a mobilidade, a edificación, a alimentación, e a xestión dos ciclos urbanos da auga e os residuos. Neste senso, apóstase por "promover sistemas de autoconsumo con fontes renovábeis nas instalacións municipais e incentivar este no ámbito doméstico, potenciando a figura das comunidades enerxéticas". En canto ao desenvolvemento da enerxía eólica, apóstase pola "socialización e o cooperativismo local", cunha "revisión" dos proxectos de macroeólicos que atinxan ao concello.

Cidades compactas, servizos de proximidade e transporte limpo

Apóstase polo transporte público local "coa posta en marcha de liñas municipais" e por eliminar todas as prazas de aparcamento gratuítas nas cidades

Entre as propostas concretas está a de desenvolver o modelo da cidade dos 15 minutos, "ao que moitas vilas galegas sería sinxelo adaptar": dar acceso aos servizos básicos de uso cotián (sanitarios, educativos, traballo, comerciais, ocio…) a unha distancia menor de 15 minutos a pé. Faise tamén unha aposta polo transporte público local "coa posta en marcha de liñas municipais que solucionen a deficiencia da rede de transporte colectivo de ámbito autonómico". 

Sistema de compostaxe CC-BY-SA Adega

En canto ao urbanismo, faise unha aposta por cidades e vilas "compactas" como garantía de dotación de servizos fronte á dispersión e á fragmentación e por antepoñer a rehabilitación e uso das vivendas baleiras á construción de novas. Os concellos promoverán "políticas axeitadas de vivenda", destinando un 30% das novas construcións a aluguer social a prezo taxado e es vivendas baleiras serán "fortemente gravadas" e limitarase e gravarase o uso das vivendas turísticas.

Tamén se pide "reorientar as políticas de transporte e das súas infraestruturas para reducir as necesidades de mobilidade motorizada" e non facer investimentos en construción de novas vías, senón "manter un bo estado das xa existentes cando sexan competencia municipal". No ámbito urbano recoméndase eliminar todas as prazas de aparcamento gratuítas e reducir "drasticamente" o espazo viario dedicado ao coche a través de peonalizacións, creación de infraestrutura para VMP e bicicletas e carrís exclusivos para transporte público. Suxírese pacificarar o tráfico a través do deseño viario: carrís estreitos e pasos de peóns elevados, entre outras medidas. 

Limitación da actividade mineira

Apóstase por "impulsar as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos agrarios e incentivar o consumo de alimentos locais e galegos"

O decálogo considera que é necesario "limitar a concesión de industrias mineiras e establecer duros condicionamentos sociais e ambientais para as que se permitan". Non se debería autorizar ningún proxecto mineiro sen que previamente se teña autorizado mediante unha exposición pública un plano de restauración medioambiental completo. A exposición pública deberá garantir que todas as persoas afectadas están suficientemente informadas e que poden presentar as súas alegacións nun prazo xeneroso de tempo.

Un mundo rural vivo

Pídese "promover unha moratoria local para novos plantíos de eucalipto e adopción de medidas para a redución drástica da superficie existente do mesmo"

O documento fai unha aposta por "alternativas sustentábeis" en agricultura, gandería, silvicultura forestal e pesca artesanal, favorecendo a produción ecolóxica. E pide "impulsar as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos agrarios e incentivar o consumo de alimentos locais e galegos". 

Tamén aposta por promover unha produción animal e gandeira de calidade coidando as razas autóctonas, con tratamento digno aos animais, reintrodución/mantemento do gando no monte como garantía dun equilibrio ecolóxico, prevención de lumes e asentamento da poboación rural. Os concellos "deberían paralizar calquera novo permiso de explotación pecuaria intensiva" e "controlar os consumos de auga e os vertidos de esterco e residuos", destácase. Tamén se pide "garantir a dotación de servizos básicos -educación, sanidade, transporte, comunicacións- no rural".

Recuperar os montes

Recoméndase abandonar o modelo baseado na incineración de residuos e o vertedoiro e promover a redución, a reutilización e a compostaxe

Pídese "promover a recuperación do monte galego con iniciativas sustentábeis ambiental e socialmente: moratoria local para novos plantíos de eucalipto e adopción de medidas para a redución drástica da superficie existente do mesmo". A conservación da diversidade natural debe integrarse nas políticas municipais, promovendo o aumento de territorio con figuras de protección ambiental como poden ser os Espazos Naturais de Interese Local, destácase.

Un novo modelo de xestión de residuos

Recoméndase abandonar o modelo baseado na incineración de residuos e o vertedoiro e promover a redución, a reutilización e a compostaxe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.