Monte Alto loita pola súa biblioteca... e por moito máis

A biblioteca veciñal de Monte Alto celebra este ano o seu 30 aniversario © AA.VV. de Atochas-Monte Alto

A biblioteca veciñal do barrio de Monte Alto, na Coruña, corre o risco de pechar nos vindeiros meses. Creada hai trinta anos, en 1984, pola Asociación de Veciños de Atochas-Monte Alto, o Concello retiroulle hai ano e medio o apoio económico que viña achegando dende o seu inicio. Dende entón, o centro mantivo a súa actividade e as súas horas de apertura (todos os días pola mañá, e tres días á semana tamén pola tarde), pero a capacidade de resistencia da asociación está chegando á súa fin. Para asegurar a supervivencia da biblioteca, a asociación vén de iniciar unha campaña de afiliación de novos socios e socias. Na actualidade contra con 800 e necesita outros 200 antes de agosto, chegar até os mil.

Cando se creou en 1984 esta biblioteca empresataba un servizo fundamental no barrio, ante a ausencia doutros centros de lectura e préstamo de libros. Anos despois o Concello abiu unha biblioteca municipal no barrio, pero o espazo veciñal seguiu cumprindo un labor fundamental para a veciñanza, cunha intensa actividade cultural e formativa. Durante 28 anos o Concello pagou a metade dos gastos e a asociación, coas achegas dos socios e socias, a outra metade, ao redor de dez mil euros. En xaneiro de 2013 o goberno municipal de Carlos Negreira suprimiu esta axuda económica.

"Os socios e socias pagan 1.50 euros ao mes, 18 euros ao ano. E dende logo o que non podemos facer é incrementar esas cotas, porque estamos nun momento no que a xente non pode pagar máis”, explica Alberte Fernández, presidente da asociación. “Levamos tempo resistindo, pero as contas son as que son. Tiñamos un remanente gardado, prevendo que algo así podía suceder, e así conseguimos aguantar até agora”, engade.

“Isto non é un tema económico" -salienta- "Isto é polo que é, polo traballo que está a facer a biblioteca veciñal. A nosa entidade veciñal está denunciando constantemente a política de recortes do PP, que está eliminando moitas conquistas que levou anos acadar. Estamos educando a xente, e é iso o que máis lles preocupa, a educación. A xente que non está educada é moito máis fácil de manipular. Esa é a nosa obsesión e aí seguimos". Subliña que “problema de cartos non é. A frase lapidaria de Ana Fernández, concelleira de Cultura, foi que 'ter dúas bibliotecas nun barrio é un luxo, un luxo que un barrio non se pode permitir'. É impresionante que unha concelleira de Cultura diga iso. É un delito”.

Hai unha parte dos libros que chegaron grazas ao Concello, porque aparellada á súa achega económica, a asociación tiña que gastar unha parte dos cartos na compra de libros. Pero a maior parte procede de doazóns de veciños, de autores, mesmo Manuel María doou unha parte do seu fondo persoal. “Nós temos a vantaxe de que somos unha biblioteca que está libre da política oficial do Concello, e podemos facer presentacións de obras que non poden facelo nas restantes bibliotecas da cidade”, destaca.

O presidente da asociación engade que "se ti estás educando un barrio, ese barrio esperta. E cando ten conciencia de seu, do que pode chegar a ser a través da reivindicación e da educación, iso a eles asústalles. A biblioteca é un símbolo, e como símbolo hai que derrotalo. E polo mesmo motivo nós temos que resistir. Estamos a piques de conseguilo".

“Dende que o PP chegou ao poder no Concello, intentou asaltar e controlar a asociación de veciños. Ao non conseguilo, creou outras entidades, con xente afín"

Fernández explica así mesmo que “dende que o PP chegou ao poder no Concello, intentou asaltar e controlar a asociación de veciños. Ao non conseguilo, creou outras entidades, con xente afín, mesmo militantes do partido, como sabemos que tamén fixo noutros lugares do país. E dende o Concello está a inxectarlles cantidades grandes de cartos, milleiros de euros cada ano”. E salienta a importante mobilización popular en defensa da biblioteca: “Chegamos a encher un pavillón dun colexio con 300 persoas nunha protesta polo peche. E iso chamou moito a atención da xente e dos medios. Porque hoxe en día non é habitual que os cidadáns se mobilicen así por unha biblioteca”.

Para Alberte Fernández, tanto a situación que está vivir a biblioteca, como outros conflitos abertos que o Concello da Coruña mantén coa asociación que preside forman parte dunha "ofensiva contra o movemento veciñal"

Para Alberte Fernández, tanto a situación que está vivir a biblioteca, como outros conflitos abertos que o Concello da Coruña mantén coa asociación que preside forman parte dunha "ofensiva contra o movemento veciñal". Identifícao cunha resposta ás críticas e mobilizacións que dende o barrio se manteñen contra a política do goberno municipal de Carlos Negreira, por exemplo contra o proxecto urbanístico de Durmideiras, e tamén co que está pasando en Teis, en Vigo, onde os veciños loitas por manter a xestión do Centro Cívico do barrio: "vemos que pasa o mesmo en Teis, cos ataques que Abel Caballero está realizando contra a entidade veciñal, o mesmo que Negreira con nós. Están facendo tamén un gran traballo polo barrio e polos veciños e por iso os atacan dende o Concello".

 

Unha "pequena vitoria" para o cárcere

"Pode haber futuro para o cárcere, pero iso dependerá tamén da presión social que se faga e do traballo que se faga en todos os ámbitos: cultural, social e político"

Este luns o pleno municipal tratou a situación do antigo cárcere provincial, posto de actualidade nas últimas semanas ante o precario estado das súas instalacións e o acelerado proceso de degradación que está a sufrir, ante a inacción das distintas administracións. O edificio é propiedade da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, dependente do Goberno central, que se nega a cederllo gratuitamente ao Concello. Onte, os votos de PP e EU, coa abstención do BNG e a única oposición do PSdeG-PSOE, aprobaron unha moción para iniciar a anulación do convenio asinado en 2005 co Ministerio do Interior.

Trátase, en palabras de Alberte Fernández, dunha "pequena vitoria", que é consecuencia da mobilización e o traballo continuado levado a cabo polos veciños e veciñas do barrio nos últimos anos, e tamén de que "durante varias semanas levabamos publicando fotos da situación do edificio, de como está caendo". "Foi unha vitoria, pero non imos quedar aí, porque estamos en período electoral e xa sabemos como se moven as cousas. Imos seguir traballando", di. Fernández salienta que "pode haber futuro para o cárcere, pero iso dependerá tamén da presión social que se faga e do traballo que se faga en todos os ámbitos: cultural, social e político".

"Moitos teñen co cárcere unha longa historia ás súas costas e cando ven que está caendo á xente dóelle. Pensan que iso, que causou tanto mal, agora podería ser unha riqueza para o barrio"

O presidente da entidade veciñal lembra que "dende a asociación levamos moitos anos denunciando a situación do cárcere provincial. Mesmo dende antes de que os presos de terceiro grao pasaran a un centro de rehabilitación, que está a carón". Engade que "hai que dicir que é un centro que ningún barrio quería, cando a mesma Constitución recolle que os cárceres son para reinsertar. E que outros barrios non queiran ese centro é moi sintomático do tipo de sociedade que temos. Nós cremos que todo o mundo merece unha segunda oportunidade”.

Para Fernández, "a conciencia da xente do barrio é que o cárcere, aínda que sexa de toda a cidade, pertence ao barrio, porque moitos tiveron amigos ou coñecidos que estiveron alí. Moitos teñen co cárcere unha longa historia ás súas costas e cando ven que está caendo á xente dóelle. Pensan que iso, que causou tanto mal, agora podería ser unha riqueza para o barrio".

A biblioteca veciñal de Monte Alto celebra este ano o seu 30 aniversario © AA.VV. de Atochas-Monte Alto
A entidade foi nas últimas décadas unha das máis combativas da cidade © AA.VV. de Atochas-Montealto
A biblioteca de Montealto acolle actividades culturais, educativas e sociais durante todo o ano © AA.VV. de Atochas-Montealto
A asociación vén denunciando a degradación que sofre o antigo cárcere provincial © AA.VV. de Atochas-Montealto

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.