Nace Nós TV, unha televisión para o corazón de Galicia

Imaxe dun dos seus vídeos de autopromoción © Nós TV

"Os galegos movémonos, móvete con Nós". "Comprometidos co rural, coas aldeas, cos lugares, coas parroquias". "Imos ser unha tele diferente, comprometida coa nosa terra". "Non queremos ser unha tele máis, unha máis do montón". Dende hai unhas semanas uns vídeos de curta duración móvense polas redes sociais anunciando o nacemento dunha nova televisión. E xa está aquí. Este luns comezou as súas emisións a través da TDT a nova canle Nós TV, unha cadea local, "pero con vocación autonómica", con sede en Lalín, que centra a súa actividade nas comarcas do Deza, Tabeirós, Melide e Arzúa. Emite en galego toda a súa produción propia, realizada por un equipo moi novo, e centra os seus obxectivos na participación cidadá, no contido social e veciñal e na proximidade. Nós TV nace co obxetivo de contarlles aos cidadáns "o que pasa no noso territorio".

É unha cadea local, "pero con vocación autonómica", con sede en Lalín, que centra a súa actividade nas comarcas do Deza, Tabeirós, Melide e Arzúa

Nós TV formará parte no futuro dun proxecto galego integrado por unha suma de canles locais. O lalinense Isidro Barco, impulsor no seu momento de Canal Deza e Dez Tv, está detrás deste novo proxecto televisivo, que botou a andar con programas informativos, e outros contidos que, día a día, van comezando as súas emisións, coma o programa de cociña Toque Chef ou o de entretemento Atrumbalear!, no que un reporteiro visita as festas e lugares de ocio. Haberá tamén programas de debate sobre a actualidade local. Outro programa está conducido pola cantante Sabela, que visitará núcleos rurais de toda Galicia, "que son os grandes descoñecidos", salienta Laura Gómez, unha das xornalistas que compoñen o equipo de Nós TV.

Laura Gómez explica que queren ofrecer "as informacións que suceden na proximidade e que outras canles non difunden", e buscan tamén que a canle "teña un aire novo, actual, moderno, un aire fresco". En cada delegación contan cun xornalista, que é á vez reporteiro e cámara, un equipo que leva "meses facendo un gran traballo para que Nós TV se puxese en marcha esta semana". Os espectadores poden enviar suxestións a través da páxina de Facebook da canle.

Logo de Nós TV © Nós TV
Imaxe dun dos seus vídeos de autopromoción © Nós TV

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.