"Non hai negociación entre gandeiros e empresas. Só imposición dunhas condicións humillantes"

Xornada organizada polo BNG no Parlamento Europeo coa participación dunha ampla delegación do sector agrario galego © Steven Cornellius

O actual proceso de reforma da Política Agraria Común (PAC) está causando unha enorme incertidume no sector agrario galego. As novas medidas, que abranguerán o período 2014-2020, van introducir cambios substantivos no sistema que condicionou o desenvolvemento das explotacións do país nas últimas décadas. A Comisión Europea presentou en outubro do 2011 unha proposta que abriu unha serie de incógnitas aínda non resoltas. As dúbidas continuaron despois da intervención do director xeral de Agricultura da Comisión, o galego José Manuel Silva, no seminario de análise do impacto da reforma da PAC en Galiza organizado hai uns días no Parlamento Europeo, en Bruxelas, por iniciativa do BNG, no que participou unha delegación de 25 representantes do sector.

O problema é que moitas familias se endebedaron para mercar cota, nun contexto ademais no que o prezo que os produtores galegos están a percibir polo leite caeu por debaixo dos custos de produción

"Nunca se enganou a ninguén", advertiu Silva ao respecto dunha das cuestións que causan máis inquietude no sector, que é a previsible supresión da cota láctea a partir do 2015. Segundo lembrou, xa "desde o 2003" se anunciou a desaparición deste sistema de limitación da produción adoptado en 1984 para evitar o problema da xestión dos excedentes que a Unión Europea tivera que afrontar. O problema é que moitas familias se endebedaron para mercar cota, nun contexto ademais no que o prezo que os produtores galegos están a percibir polo leite caeu por debaixo dos custos de produción e situouse entre os máis baixos de Europa: 0'28 euros, fronte aos 0,32 euros de Francia ou de Alemaña.

Foi precisamente a Unión Europea a que presionou os gandeiros para que aumentasen o tamaño das explotacións, confundindo magnitude con produtividade

Un dos membros da delegación galega, o presidente da sociedade cooperativa Cusoviame de Curtis, Alberto Rivera, resumiu en poucas palabras o sentir xeral do sector respecto a isto: "non hai negociación na relación dos gandeiros coas empresas. Só imposición dunhas condicións humillantes, porque non hai un tratamento nin de ética nin de lóxica" a unhas familias "que levaban moito tempo realizando un traballo digno e sen endebedarse demasiado". E foi precisamente a Unión Europea, -remarcou-, a que presionou os gandeiros para que aumentasen o tamaño das explotacións, confundindo magnitude con produtividade. Lembrou, ao respecto, que unha granxa galega pode "darlle de comer a máis familias" que outra moito máis grande que "só alimenta unha familia".

Nesta situación, o director xeral de Agricultura non citou máis opcións de compensación aos produtores que o establecemento de axudas específicas para o sector lácteo dentro dos novos pagamentos directos da PAC, se o Estado español así o decide. Tradicionalmente, as axudas da PAC estiveron vinculadas á produción -superficie sementada ou cabezas de gando-, mais a reforma introducida no 2003 estableceu o réxime de pago único ou desacoplado, non ligado á produción e só suxeito ao cumprimento dunha condicionalidade referida a cuestións como as boas prácticas medioambientais. Pero os Estados membros puideron conservar unha porcentaxe de axudas acopladas á produción, de ata o 10 por cento, para casos especiais considerados relevantes para a protección do medio natural ou pola calidade dos produtos. España acolleuse a este réxime para a carne de vacún ou as axudas ao leite, establecendo pagamentos específicos nestes sectores que veñen funcionando desde 2006. A cuestión agora é se o Estado decide manter ou non e mesmo incrementar estas axudas específicas.

O director xeral de Agricultura non citou máis opcións de compensación aos produtores que o establecemento de axudas específicas para o sector lácteo dentro dos novos pagamentos directos da PAC, se o Estado español así o decide

O discurso de Silva incidiu, polo demais, en problemas xa coñecidos como "a enorme atomización do sector" en Galiza ou o escaso "poder contractual" dos produtores. Salientou, ao respecto, a necesidade de "mellorar a organización do sector", ofertar no mercado máis "produtos transformados de alto valor engadido" ou reducir a dependencia das importacións de alimentos para o gando, poñendo en produción as terras hoxe abandonadas. "Unha cooperativa podería ofrecer un contrato de terras que non se usan", suxeriu, ao respecto.

A "regulación dos mercados" é unha necesidade "esencial" e "estratéxica" para o agro galego

Nestas circunstancias, -sostivo Silva-, os produtores galegos atoparíanse en mellores condicións para facer fronte a un dos principais problemas actuais, que é a volatilidade dos prezos. As intervencións neste sentido poderían bater coas autoridades da competencia, polo que a marxe de actuación é pequena. A Comisión Europea si está a estudar -explicou outro alto funcionario da Comisión, José Manuel Hernández, na súa intervención no seminario promovido polo BNG en Bruxelas-, o establecemento de medidas de xestión de riscos como as subvencións a pólizas de seguro pagadas polos agricultores para perdas derivadas das condicións climáticas ou para casos de enfermidade dos animais, ou contribucións financeiras a mutualidades que compensen os labregos por ese mesmo tipo de incidencias ou por perdas significativas de renda. "Esta é unha proposta da Comisión, pero hai Estados membros en contra", aclarou Hernández.

Pola súa banda, o profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e ex director xeral de Desenvolvemento Rural na Xunta co goberno bipartito, Edelmiro López, matizou que "os instrumentos privados de xestión de riscos poden xogar un papel importante para incidencias concretas", mais "non permiten afrontar crises sistémicas". A "regulación dos mercados" é, ao respecto, ao seu ver, unha necesidade "esencial" e "estratéxica" para o agro galego. As prioridades das políticas agrarias e rurais deberían ser, na súa opinión, medidas que contribúan ao establecemento de "prezos adecuados e estables", ao "relevo xeracional" nas explotacións, á "diversificación de actividades" no rural, a paliar a "enorme debilidade" dunha industria agroalimentaria que en Galiza exporta sobre todo leite en bruto ou derivados dos máis simples, e á "reorientación cara a sistemas máis extensivos", máis vinculados á terra e menos dependentes de insumos como os pensos.

No seu VIII Congreso, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou que "mentres a nós se nos impoñen os prezos desde as industrias, a gran distribución fai á súa vez o mesmo con estas"

No seu VIII Congreso, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou que "mentres a nós se nos impoñen os prezos desde as industrias, a gran distribución fai á súa vez o mesmo con estas; desde xeito o prezo final no mercado mundial depende dos acordos dunhas poucas pero moi poderosas multinacionais que acordan, con leves variacións, o prezo de venda final, dando a sensación ao consumidor/a de produtos baratos con ofertas concretas que sempre fan a costa do sector produtor". Non hai, pois, "libre mercado". E a reforma da PAC só poderá garantir, segundo o SLG, "prezos xustos" a través da renuncia "a prácticas comerciais abusivas, parando toda forma de dumping a terceiros países e establecendo unha regulación das importacións. Debe garantirse tamén a negociación colectiva dos prezos no seo de interprofesionais con todas as partes implicadas de prezos estables remuneradores dos custos de produción e que garantan unha renda digna para as labregas e labregos".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.