O pasado sábado 27 a Asemblea de Movementos sociais de Vigo convocou unha concentración contra o "colapso" das axudas sociais de emerxencia, denunciando a limitación dos seus recursos e a demora no pagamento da Risga. Ao remate da marcha, na que participaron un cento de persoas, varias delas decidiron iniciar unha acampada indefinida nos xardíns de Montero Ríos, ante a sede da Xunta na cidade, en demanda de "Pan Traballo e Teito", como destacaba un comunicado.
Os acampados, unha ducia a primeira noite, continúan no lugar este martes e esperan que nos vindeiros días se lles unan máis persoas e colectivos. O obxectivo principal é darlles visibilidade aos problemas que sofren os sectores máis pobres e excluídos da cidade. A RISGA centra moitas das súas críticas, e denuncian a tardanza do Goberno galego en conceder estas axudas, que chega aos oito meses. Esta mesma semana a Oficina Dereitos Sociais - Coia sinalaba que a pesar de que o 1 de xaneiro de 2014 entrou en vigor unha nova lei de RISGA, a Xunta aínda non desenvolveu o decreto que desenvolva a lei "e mentres as de sempre sufrimos as consecuencias dunha lei moi condicionada pola escaseza de orzamento".
O grupo de acampados e acampadas en Vigo destaca que "diñeiro non falta" e nun dos seus carteis ("Non pode ser! Escaleiras mecánicas e xente sen comer!) critican o gasto, na súa opinión innecesario, de case medio millón de euros realizado polo Concello de Vigo nas escaleiras mecánicas, aínda sen funcionar, colocadas na Porta do Sol.
De igual xeito, tanto a manifestación como o establecemento da acampada tiveron lugar o mesmo día no que chegaban a Vigo os cruceiros de luxo Oasis of the Seas e Celebrity Infinity, con máis de 10.000 turistas a bordo. Un turismo de alto nivel, recibido polas máximas autoridades (entre eles Alberto Núñez Feijóo, Abel Caballero, Rafael Louzán e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello), que os e as impulsoras desta acampada contrapoñen coa realidade e as dificultades que viven milleiros de vigueses e viguesas.
Membros da policía achegáronse xa en varias ocasións até o lugar da acampada, de momento sen buscar o desaloxo da protesta. Porén, segundo algúns dos participantes na concentración, si lles indicaron que debería marchar de alí antes do 18 de outubro, cando de novo chegará a Vigo o Oasis of the Seas.