Noruega aposta por "artimañas" para demorar a vía xudicial dos mariñeiros galegos

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

Noruega teima en dicir 'non' e amósase disposta a endurecer a batalla legal contra os mariñeiros galegos xubilados. Logo da reiterada negativa do Goberno nórdico a pagar as pensións que reclaman e tras o portazo dado polo novo Executivo hai tan só uns meses, a asociación Long Hope -que agrupa centos de afectados- presentou a súa demanda contra o Estado noruegués, primeiro paso dunha traxectoria xurídica que acabará moi probablemente no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Agora, máis de dous meses despois de recibir a denuncia, a Administración norueguesa aposta por "artimañas" e "estrataxemas" para "demorar o proceso". Así o denuncian os afectados. A primeira delas, alegar un defecto de forma.

Noruega argumenta máis de dous meses despois de recibir a denuncia que esta tiña que ser presentada ante a Administración de traballo e non nos xulgados

Así, case 90 días despois da presentación da demanda por parte do prestixioso avogado noruegués Øivind Østberg -que representa unhas 280 persoas entre mariñeiros afectados e herdeiros-, Long Hope recibe os argumentos de Noruega, que asegura agora ante o xulgado que o colectivo tería que ter presentado a denuncia ante a Administración de traballo e non nos tribunais de primeira instancia. Falta a resposta da xustiza, pero desde a asociación, o seu voceiro, Alberto Paz, ten claro que "todo "son artimañas para demorar o proceso". "É unha estrataxema para que cansemos e desistamos e é evidente que o é porque, se había un defecto de forma, poderían telo comunicado hai máis de dous meses e non agora", explica. "Xogan a marearnos e a desesperarnos, pero nós non imos cansar", engade. 

"Son artimañas para demorar o proceso e desesperarnos, pero non nos imos cansar", advirten desde Long Hope

O Goberno demora o proceso e, mentres, Long Hope continúa a reclamar á Administración española que actúe. A vía xudicial -longa e cara- ten como punto final Estrasburgo a non ser que España o evite e a acelere. E podería facelo se presenta unha demanda interestatal contra Noruega, unha posición que lle esixen os mariñeiros xubilados desde que comezara coas protestas pero ao que Madrid se nega unha e outra vez. 

Long Hope pelexa pola que consideran inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos.

Desde Noruega arguméntase que que non houbo discriminación ningunha e que os mariñeiros non tiñan dereito a esa prestación por ser estranxeiros que non residían en territorio do país. Ademais, asegura que non pagaban as cotas de protección social que daban dereito á pensión, malia uqe si pagaron impostos elevados cos que se financiaron servizos dos que non gozaron, precisamente, por non ser residentes. 

Para Long Hope, Noruega intenta agora "defenderse como pode" pero "os seus argumentos non son sólidos". Ademais, advirten que no caso de que se lles poñan máis atrancos, xa teñen prevista outra estratexia xudicial. Tamén lembran as iniciativas presentadas no Parlamento galego, no Congreso ou ante a Eurocámara. Sen resultado aínda. 

Marea Granate apoia mobilizacións dos mariñeiros, que contarán cunha representación o 1º de Maio en Oslo

Con todo, van sumando apoios e ao dos sindicatos noruegos únese tamén o da Marea Granate, que xa colaborou en manifestacións en Madrid ou Lisboa e que trasladará as protestas "aló onde haxa unha embaixada de Noruega". Ademais, o vindeiro día 1 de maio unha importante representación de Lon Hope viaxará a Oslo para se manifestar polo Día da Clase Obreira xunto a centrais de traballadores do país. Volverán reclamar o que consideran seu. "A máis negativas, máis forza collemos porque temos a razón e o dereito", remata Alberto Paz. 

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.