Nove de cada dez excedencias por coidado familiar son de mulleres

Unha coidadora, cunha persoa en cadeira de rodas Dominio Público Pixabay

Un coidado en feminino e en aumento. A combinación de recortes e regresións lexislativas permitiu, nos últimos anos, o fortalecemento da división sexista do traballo e a concentración practicamente total das tarefas de coidado familiar nas mans das mulleres. Co peche do exercicio económico de 2014 a Seguridade Social vén de facer públicos os seus datos anuais de excedencias e baixas de maternidade e paternidade. Como en estudos anteriores, os indicadores amosan ás claras que as mulleres seguen sendo as principais responsables de coidar da familia, xa sexa das fillas e fillos ou doutras persoas, ata o punto de que nove de cada dez excedencias por coidado concedidas en Galicia durante 2014 foron de traballadoras.

Estas excedencias por coidado familiar foron un total de 699 en territorio galego no ano que vén de rematar e case 40.000 en todo o Estado. Das excedencias galegas unha amplísima maioría, 630, corresponderon a mulleres mentres que as 69 restantes foron de homes. Isto sucede nun contexto no que este tipo de excedencias foron 34 máis que en 2013, un incremento do 5,11% que, así e todo, está por baixo da media estatal, que superou o 14%.

Só o 2% das baixas por maternidade concedidas en Galicia durante 2014 foron compartidas

Unha fotografía semellante é a que ofrece a distribución das prestacións por maternidade, isto é, as que se conceden ás familias con novas fillas e fillos, xa sexan biolóxicos ou a través dunha adopción e que poden ser compartidas polos dous membros da parella. Ao longo do pasado ano a Seguridade Social tramitou 14.279 destes procesos en Galicia e unicamente en 305 casos, o 2%, a baixa foi compartida polo home. Así, mentres que o conxunto das prestacións por maternidade baixaron algo máis dun 4% en conxunto as compartidas descenderon máis dun 7%. No caso das prestacións por paternidade tramitáronse algo máis de 11.000, cun descenso interanual de case o 2%.

Estes indicadores veñen ratificar o xa amosado por outros estudos en anos anteriores, caso por exemplo da análise das reducións de xornada realizada polo Instituto Galego de Estatística no ano 2013, no que se amosaba que as galegas que se acollen a este tipo de prestación triplican aos galegos que fan o propio. Do mesmo xeito, e nun contexto de tesoiradas xerais ao despregamento da Lei de Dependencia, o INE amosa que en torno ao 95% das persoas que teñen un traballo a tempo parcial para coidar persoas dependentes son tamén mulleres. Asemade, a Enquisa de Poboación Activa certifica que a finais de 2014 unhas 11.000 galegas non podían traballar a xornada completa por teren que coidar "nenos ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores", mentres que unicamente 600 homes estaban nesta situación.

Unha coidadora, cunha persoa en cadeira de rodas Dominio Público Pixabay

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.