Novos papeis de Corcoesto apuntan un "trato de favor" da Xunta á empresa mineira

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

As revelacións sobre o recurso que Edgewater interpuxo contra a Xunta no TSXG descobren insinuacións e acusacións veladas de corrupción contra o Goberno de Núñez Feijóo. Os xa denominados papeis de Corcoesto chegan a falar de "amigos do presidente" que supostamente intentaron subornar os directivos da multinacional canadense para facilitar a instalación da polémica mina, así como da mediación de cargos da Administración con investidores e fondos para reactivar o proxecto unha vez cancelado. O presidente nega as acusacións e cualifícaas de "calumnias", pero novos documentos volven deitar dúbidas sobre supostos tratos de favores por parte do Executivo na tramitación ambiental da megamina. Os "renglóns torcidos" dos que advertira a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e que xa foron enviados á sala do contencioso-administrativo do alto tribunal. 

Informes complementarios ás primeiras avaliacións ambientais "minimizan" danos e fan "desaparecer" afeccións sinaladas antes

Son os documentos elaborados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Servizo de Conservación da Natureza a petición da Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental en relación co proxecto de mina de ouro de Corcoesto. Papeis que demostran, tal e como aclara a SGHN logo de analizalos en profundidade, como os informes complementarios "minimizan" posibles danos ao medio ambiente sinalados no primeiro dos informes ou como mesmo "desaparecen" afeccións ambientais que si foran destacadas. Supón, segundo denuncia, "un claro trato de favor" a Edgewater por parte da Xunta, a pesar de que a multinacional acusa o Goberno dunha actuación "arbitraria e discriminatoria" contra ela. 

Ademais, os dous informes -de setembro e outubro de 2012- que complementan o primeiro -de xullo do mesmo ano- non inclúen dúas condicións "ambientalmente decisivas" na Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que foi positiva para a mina de Corcoesto e "tramitada  nun prazo récord sen precedentes". Malia as peticións de Conservación da Natureza e da S.X. de Calidade e Avaliación Ambiental, nin se indica a obriga de instalar medidores automáticos que avalíen a calidade da auga en todos os puntos de vertido, nin a necesidade dunha análise específica dos riscos de contaminación accidental baseada en explotacións semellantes e afectacións con cianuro. 

Os informes non obrigan á instalación de medidores da calidade da auga nin a avaliación de riscos polo cianuro, malia que se reclamou

Nons informes complementarios non só se minimizan os posibles impactos medioambientais da mina, senón que se eliminan advertencias e riscos incluídos no primeiro documento emitido para valorar a posible afectación aos valores naturais. Así, por exemplo, mentres no documento primixéneo se afirma que “o proxecto afecta ao LIC Río Anllons, ES 110065, xa que todalas augas verten neste río”, no segundo asegúrase que “o proxecto desenvólvese fóra do ámbito do espazo natural protexido”

E hai moito máis. A afirmación de que as actividades mineiras proxectadas “constitúen riscos evidentes de producir danos de moi dificil reparación no LIC Río Anllons e o LIC Costa da Morte e nos valores ambientais da comarca”, que se destacaba con cursiva e subliñado no primeiro informe, suavízanse aclarando que “sempre existen riscos de accidentes que poden ter notables repercusións no medio natural”. E tamén se asegura que especies existentes nun treito a desviar dun rego "non son formacións moi representativas" malia asegurar antes que eran "de interese comunitario 91E0", un hábitat de conservación prioritaria na UE. 

O informe complementario, con todo, admite que haberá unha destrucción dun hábitat de conservación prioritaria na UE (91E0*) pero limítase a indicar que “o plan de restauración deberá contemplar medidas compensatorias”, unha actitude que, segundo a SGHN, supón unha "flagrante violación" dunha Directiva comunitaria e da Lei de Patrimonio Natural e a Biodiversidade

 

"Un claro trato de favor" a Edgewater

Ademais, no informe complementario desaparece a obxección do primeiro informe de que “na balsa de lodos de lixiviación non se estima a vida útil do encapsulamento planificado, nin se prevé un plan de seguimento e vixilancia da mesma”, e tamén a recomendación de que se faga a análise de riscos medioambientais e se "subscriba unha póliza de seguro ambiental adecuada". 

"Non hai unha discriminación contra a empresa, senón ao contrario, un claro trato de favor", advirte a SGHN

O documento inicial está asinado polo enxeñeiro de montes José J. Martel Muñoz-Cobos e polo xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial da Coruña, Carlos G. Muñoz Martínez. No entanto, o complementario tan só é firmado polo segundo, involucrado con posterioridade nunha investigación da Fiscalía de Medio Ambiente e o Seprona por emisión masiva de licencias de caza falsas, segundo lembra a SGHN. 

A organización pide ao TSXG que "rexeite totalmente" o recurso da empresa contra a resolución da Xunta de cancelar o proxecto mineiro

A organización ecoloxista, debullados todos os documentos, lembra as palabras de Edgewater na súa demanda e asegura que, de existir "unha actuación absolutamente arbitraria, inxustificada e que rompe co principio de non discriminación e igualdade de todos ante a lei" -como di a multinacional no recurso-, "non sería unha discriminación contra a empresa, senón ao contrario, un claro trato de favor". 

Ante isto, SGHN pide ao presidente da sala do contencioso-administrativo do TSXG que admita a súa documentación e que "rexeite totalmente" as demandas do recurso de Mineira de Corcoesto contra a resolución da Xunta de cancelar o proxecto mineiro. Así, solicita ao tribunal que non anule a resolución recorrida por non ser conforme a dereito ou que non condene a Xunta nin a aprobar a mina nin a indemnizar a multinacional por danos e prexuízos, tal e como reclama a empresa, que solicita ata 20 millóns de euros.

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.